CRTVG

Buscar

O parque East Angliano do Reino Unido consolida Galicia como un punto de referencia da eólica mariña no mundo

Publicado o 21/11/2019 15:13

A aposta pola diversificación naval en Ferrol a través da enerxía eólica mariña está a consolidar arredor dun milleiro de postos de traballo na comarca, nun sector con moitos proxectos de futuro. Un deles é o parque East Anglia que Iberdrola constrúe no Reino Unido. Un equipo de Televisión de Galicia visitou as instalacións.

As estruturas de cor amarela que sobresaen das augas do mar do Norte saíron dos talleres do estaleiro de Navantia en Fene. A factoría iniciábase hai pouco máis de catro anos no sector da eólica mariña. Hoxe dá emprego a preto dun milleiro de traballadores, a maior parte deles da industria auxiliar do naval. 

José Luis Allegue, traballador de Nervión: "Collemos isto en plena crise. Non había traballo en Ferrol e aí estivemos entre 600 e 700 persoas traballando continuamente".

Raúl Rico, responsable de Diversificación de Navantia: "Dános a oportunidade de diversificar. Poder seguir facendo construción naval, axudado o estaleiro de Ferrol, pero tamén ter proxectos propios de eólica mariña e ser estaleiro de referencia a nivel europeo".

Este parque eólico de Iberdrola no Reino Unido consolida Galicia como un punto de referencia da eólica mariña no mundo. Estará operativo cara ao próximo verán e poderá subministrar enerxía limpa a uns 630.000 fogares británicos. O futuro do sector é moi prometedor. Calcúlase que o mercado se vai multiplicar por 15 nos próximos vinte anos. 

Álvaro Martínez, director de Proxectos de Eólica Mariña de Iberdrola: "Temos unha carteira de proxectos moi significativa e temos claro que é unha aposta etratéxica para a empresa".

Navantia ten actualmente en carteira dous proxectos eólicos que garanten o emprego en Fene ata o 2021.

Noticias web

21/11/2019