CRTVG

Buscar

O parque arqueolóxico de Campo Lameiro suma un novo petroglifo

Publicado o 10/07/2016 14:00

Trátase do primeiro achado onde aparece unha arma  acompañada de máis de 25 animais

O parque arqueolóxico de Campo Lameiro en Pontevedra suma un novo petroglifo á súa ampla colección de arte rupestre. Trátase do primeiro achado onde aparece unha arma  acompañada de máis de 25 animais.

Este gravado marca un punto de inflexión para os arqueólogos galegos por tratarse dunha escena única e distinta do atopado ata o momento.

Neste outeiro de Chan da Isca, nas inmediacións do parque arqueolóxico de Campo Lameiro, atópase este novo petroglifo que recolle unha escena única da arte rupestre en Galicia.

Un gravado indicativo da Idade do Bronce ou do Ferro, pero acompañado doutros símbolos que poderían ser posteriores. Un home e unha cruz latina.

Este último achado súmase ás máis de 60 rochas con gravados que ten este parque arqueolóxico, un dos máis importantes de Europa pola súa extensión, 22 hectáreas, algo así como 22 campos de fútbol. Pódese visitar tanto de día coma de noite grazas a unha ampla oferta para todos os públicos.

Un mundo simbólico que agora engade novas interpretacións para os arqueólogos galegos que deberán seguir investigando os gravados desta rocha,, que continúan baixo terra, para axudarnos a entender os modos de vida dos nosos antepasados.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/07/2016