A taxa de desemprego sitúase no 16,2% en España e no 11,8 en Galicia
O paro subiu en 355.000 persoas no terceiro trimestre do ano, o que supón un 10,5% máis que no trimestre anterior, e a ocupación creceu en 569.600 postos de traballo (+3%), a súa maior alza trimestral de toda a serie histórica, que se inicia en 1976, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
O aumento do paro durante o período xullo-setembro é o máis elevado desde o primeiro trimestre de 2012, mentres que a creación de emprego coa chegada da nova normalidade marcou cifra récord e permitiu recuperar máis da metade do emprego perdido no trimestre anterior.
O INE lembra que os afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) con suspensión de emprego considéranse ocupados, segundo a metodoloxía da Oficina Estatística da Unión Europea (Eurostat) e da Organización Internacional do Traballo (OIT) que se aplica na EPA.
Ao finalizar setembro, o número total de parados situouse en 3.722.900, e o número de ocupados, en 19.176.900 persoas, nivel de ocupación similar ao do primeiro trimestre de 2018.
A taxa de paro, pola súa banda, escalou no verán algo máis de nove décimas, ata o 16,2%, o que supón 2,3 puntos máis que un ano antes, alcanzando así o seu valor máis alto desde o primeiro trimestre de 2018.
No último ano o paro aumentou en 508.500 persoas, un 15,8%, o que supón o maior repunte interanual desde o terceiro trimestre de 2012, mentres que se destruíron 697.500 empregos (-3,5%).
O paro sobe en 2.300 persoas no terceiro trimestre en Galicia
O paro subiu en Galicia en 2.300 persoas no terceiro trimestre do ano, o que supón un 1,61% máis que no trimestre anterior, case nove puntos menos que a media, segundo a enquisa de poboación activa (EPA) que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Desta forma, os desempregados na comunidade galega alcanzan os 144.800, que son 1.400 persoas máis que no terceiro trimestre de 2019 (+0,94%).