O paro sobe en 20.525 persoas en novembro e a afiliación cae en 53.114
• Galicia rexistra 1.352 novos parados
O número de parados rexistrado nas oficinas dos Servizos Públicos de Emprego Estatal (SEPE) alcanzou os 3.198.184, tras aumentar en novembro en 20.525 persoas respecto ao mes anterior. A pesar do incremento o número de total de parados é o máis baixo para un mes de novembro desde o ano 2008.
De acordo cos datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, o número de afiliados caeu en 53.114 persoas polo fin de contratos no sector da hostalería. Así, o total de ocupados sitúase en 19.378.878 traballadores.
Dentro da serie histórica de novembro, que se inicia en 1996, o paro subiu en 20 ocasións e baixou en catro, a última delas o ano pasado, cando se reduciu en 1.836 persoas. O repunte de novembro deste ano é o máis pronunciado desde o exercicio 2016, aínda que, segundo Traballo, esta subida practicamente iguala o incremento medio neste mes no últimos dez anos (+20.477 parados).
En termos desestacionalizados, o paro subiu no penúltimo mes do ano en 4.113 persoas.
O sector servizos foi o que máis elevou o número de parados en novembro, cun aumento de 23.934 desempregados (+1%), seguido da construción (+1.738 parados, +0,7%). O resto de sectores reduciron a súa cifra de desempregados. Así, o paro baixou en 2.825 persoas no colectivo sen emprego anterior (-1%), en 1.715 persoas na agricultura (-1,1%) e en 607 persoas na industria (-0,2%).
No último ano, o paro reduciuse en 54.683 persoas, a un ritmo interanual do 1,68%, taxa que se moderou case sete décimas respecto ao mes pasado, cando o desemprego caía a unha taxa interanual do 2,37%, equivalente a algo máis de 77.000 parados menos.
En canto á contratación, no penúltimo mes do ano realizáronse 1.764.169 contratos, un 5,5% menos que en novembro de 2018, dos que 171.612 foron contratos indefinidos, o 9,7% do total, cun descenso do 13,1% respecto ao mesmo mes do ano pasado.
O paro sobe en 1.352 persoas en Galicia en novembro
O número de parados rexistrados alcanzou os 165.659 en Galicia, tras aumentar en novembro, con respecto ao mes anterior, en 1.352, un 0,82 por cento.
Na comparativa anual, o desemprego caeu en 4.710, un 2,76 por cento.