CRTVG

Buscar

O paro rexistra outra caída histórica ao diminuír en 166.911 persoas en xuño

Publicado o 02/07/2021 15:11

O número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego rexistra un descenso histórico no mes de xuño e baixa en 166.911 desempregados. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social, este é o maior retroceso en calquera mes desde que hai rexistros. A cifra total de desempregados en España é de 3.614.339 persoas.

A afiliación á Seguridade Social tamén ten un crecemento por riba doutros meses e gañou 233.056 afiliados medios ata superar os 19,5 millóns. Estas cifras foron impulsadas pola hostalería polo aumento de ocupados grazas ao levantamento das restricións.

O paro diminuíu en todos os sectores, agás na agricultura, e o seu maior retroceso protagonizouno o sector servizos. Os datos do paro deste mes de xuño non inclúen os traballadores que se atopan en ERTE. 

O paro baixa en Galicia en 7.588 persoas

O número de desmpregados baixou en Galicia no mes de xuño en 7.588 persoas, un 4,59 % o que o sitúa por riba da media que é do 4,4 %. Deste xeito, o número de parados no país é 157.718 persoas, segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social. Foi na provincia de Pontevedra onde máis baixou o desemprego e na Ourense onde menos. 

En comparación co mesmo mes do ano pasado o paro diminuíu en Galicia en 26.936 demandantes, un 14,59 por cento. Do total de persoas desempregadas na comunidade, 91.828 son mulleres, mentres que o paro afecta a 65.890 homes.

 

 

Noticias web

02/07/2021