Galicia ten 25.600 parados menos que hai un ano, con cifras mellores que antes da covid−19
• O paro baixa en 82.583 persoas en España, a maior caída para un mes de agosto desde que hai rexistros
• A Seguridade Social gañou en agosto 3.198 cotizantes en Galicia, fronte a unha caída de 118.004 afiliados no conxunto do Estado
AXENCIAS
A Seguridade Social perdeu en agosto 118.004 afiliados de media, ata un total de 19.473.724 cotizantes, a pesar de que o desemprego rexistrado baixou en 82.583 persoas, ata un total de 3.333.915, o cal supón a maior caída do paro nun mes de agosto de toda a serie histórica.
Agosto é un mes tradicionalmente malo para o emprego polo final da campaña de verán, aínda que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destacou que entre 2009 e 2019 a media de perda de afiliados en agosto foi maior que este ano ao superar os 147.000 ocupados.
Pola contra, o paro rexistrado encadea seis meses de redución continuada e desde marzo acumula un descenso de 675.000 persoas, en tanto que os traballadores acollidos a expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) marcaron un novo mínimo desde o inicio da pandemia en 272.190 persoas.
En Galicia, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 670 (-0,4 %). Co descenso do paro, o volume total de parados alcanzou ao finalizar o oitavo mes do ano a cifra de 151.264 na comunidade autónoma galega. Esta cifra supón un descenso dun 14,52 por cento respecto ao mesmo mes de 2020, e son 15.000 menos desde febreiro de 2020, antes da crise causada pola pandemia.
A Seguridade Social gaña en agosto en Galicia unha media de 3.198 cotizantes respecto ao mes de xullo, un 0,3 %; iso situou o número total de ocupados en 1.039.470. Os traballadores en situación de ERTE en Galicia son 10.810, cun descenso do 16,92 %.
O dato de paro de agosto, do mesmo xeito que ocorreu nos meses anteriores, non inclúe os traballadores que se atopan en suspensión de emprego ou redución horaria como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) xa que a definición de paro rexistrado non os contabiliza como desempregados. No último ano o desemprego acumula un descenso de 25.687 persoas en Galicia, un descenso do 14,5 %. Este dato sitúase en 468.899 parados no ámbito estatal, o cal supón un 12,3 % menos.