CRTVG

Buscar

O Parlamento venezolano estuda decretar o estado de emerxencia

Publicado o 11/03/2019 08:59

O Parlamento de Venezuela estudará na sesión de hoxe decretar o estado de alarma nacional tras os cortes de luz que, segundo o presidente da Asemblea, Juan Guaidó, causou polo menos 17 mortos, a maioría enfermos dos hospitais. Nas últimas horas, o ataque á tripulación dun avión de Air Europa en Caracas levou a compañía a decidir que os seus tripulantes non pernoiten máis na capital venezolana. A compañía Iberia suspende desde hoxe o seu voo a Caracas polos cortes de luz.

O suposto intento de atraco en Caracas á tripulación do avión de Air Europa provocou o plante de pilotos e tripulación e a negativa a volver voar a ese destino. O asalto sufrírono durante o traslado da tripulación desde o aeroporto ao hotel, onde se produciu un tiroteo entre os asaltantes e o equipo de seguridade. A compañía informou que entre a inseguridade no país e os problemas de inestabilidade enerxética, as tripulacións durmirán a partir de agora en Punta Cana, non en Caracas. Súmase deste xeito á compañía Iberia, que tamén decidiu que pernoiten en Santo Domingo.

Mentres tanto, quinto día de apagóns no país. O presidente da Asemblea Nacional, Juan Guaidó, vai pedir ao Parlamento que se decrete hoxe o estado de alarma nacional.

"Esta catástrofe denunciámola en 2017. O venres dixeron que en tres horas o solucionaban. Non deron parte técnico. Secuestran o sistema e non poden siquera dar a cara e falarlle claro ao pobo de Venezuela", dixo Guaidó.

O Goberno de Maduro acusa os Estados Unidos dun ciberoataque contra a central hidroeléctrica de Guri, que abastece o 70% do territorio venezolano.

"Estamos ante a máis grave agresión do imperialismo americano contra a nosa patria Venezuela en toda a historia de douscentos anos de República", asegurou o presidente Maduro.

O Goberno anunciou que a Forza Armada Nacional Bolivariana realizou un recoñecemento aéreo de todas as instalacións e ocupou as estacións eléctricas para protexelas de futuras agresións.

"Para que poidamos avanzar e garantir a estabilización e a subministración do sistema e coidalo de calquera outro ataque que puidese estar planificándose para continuar coa deliberada intención de causar caos, dano e socavar o espírito de resistencia do pobo de Venezuela", dixo o ministro de Defensa, Vladimir Padrino.

O Goberno decretou para hoxe a suspensión das clases e as actividades laborais polo apagamento, que é total en 16 estados e parcial noutros 8. O Grupo de Lima responsabilizou o réxime de Maduro do colapso do sistema eléctrico no país.

Noticias web

11/03/2019