CRTVG

Buscar

O Parlamento portugués rexeita eliminar as peaxes entre O Porto e Galicia

Publicado o 14/02/2020 20:07

O Parlamento de Portugal rexetou esta tarde suprimir as peaxes da autovía A-28, a que une Galicia co Porto. A iniciativa promovérana os empresarios lusos, que denuncian que as peaxes lles causan graves perdas económicas.

Algo que subscriben tamén os empresarios galegos, que consideran que as peaxes da autovía A-28 danan gravemente as relacións comerciais entre Galicia e Portugal. A iniciativa levouna ao Parlamento o Bloco de Esquerda. Pero non saíu adiante porque o Partido Socialista portugués votou en contra.

A autovía A-28, a que une Galicia co Porto, seguirá sendo de pago. O Parlamento portugués rexeitou a supresión das peaxes, que reclamaban os empresarios do Alto Minho. Chegaron a recoller máis de sete mil sinaturas para pedir a súa eliminación, porque consideran que prexudican as relacións comerciais e turísticas entre Galicia e Portugal. Algo que constatan tamén os empresarios galegos.

Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, "afecta, sen dúbida. E ademais impide desenvolvernos como eurorrexión, que é o que queremos. As peaxes son un auténtico freo ao desenvolvemento empresarial"

Decepción tamén entre os usuarios, que levan anos denunciando que a autovía é demasiado cara.

"Debían eliminalas, porque andas pouco por autoestrada pero pagas moito", "tiña que ser de balde desde o día que se fixo"

O sistema de peaxes na A-28 implantouse hai dez anos. Durante a década houbo varios intentos para eliminalos, pero o Goberno portugués sempre defendeu que suprimilos tería un impacto demasiado alto.
 

 

Noticias web

14/02/2020