CRTVG

Buscar

O Parlamento pide que a casa Cornide sexa declarada ben de interese cultural e evitar que os Franco a vendan

Publicado o 17/11/2020 12:46
O Parlamento pide que a casa Cornide sexa declarada ben de interese cultural e evitar que os Franco a vendan

O Parlamento de Galicia aprobou este martes por unanimidade unha proposición non de lei para axilizar o procedemento de declaración como ben de interese cultural (BIC) do edificio da zona vella da Coruña coñecida como casa Cornide, en propiedade dos Franco, para evitar que a familia do ditador o poña en venda.

A proposta, presentada polo BNG e apoiada polo PPdeG e o PSdeG, esíxelle ao Goberno galego que actúe coa rapidez necesaria para evitar que os herdeiros de Franco poidan chegar a transmitir o inmoble, xa que, segundo denunciou a deputada nacionalista Mercedes Queixas, xa tentaron poñer prezo de venda.

A parlamentaria expuxo que esta mesma semana a familia Franco puxo á venda a casa Cornide por 3,5 millóns de euros e que así se reflectiu nun portal inmobiliario de propiedades de luxo. Ante estas "artimañas", dixo a deputada, urxe que a Xunta adopte decisións contundentes, xa que sen a protección que outorgaría a declaración de BIC o edificio "está en perigo".

O BNG insiste en que o Goberno autonómico debe impedir esta operación inmobiliaria "porque para nós a dignidade non está en venda e non ten prezo", indicou Queixas, que urxe activar "todas as medidas para que este edificio conte coa maior protección legal".

Pola súa banda, a parlamentaria do PSdeG-PSOE Noa Presas puxo en valor o traballo levado a cabo polo Concello da Coruña, dirixido pola tamén socialista Inés Rey, para conseguir a declaración de BIC da casa Cornide ao achegar numerosa información que evidencia que a adquisición deste inmoble foi "unha mostra da avaricia desmedida dos Franco por facerse cos bens do pobo galego".

O informe encargado pola Administración local concluíu que Cornide é un edificio único polo seu estilo e avala a súa importancia artística, lembrou a deputada, que incidiu en apremar á Administración galega ao sinalar que os Franco puxeron á venda o edificio porque "temen que lle suceda o que pasou co Pazo de Meirás" ao actuar a Xustiza.

Pola súa banda, o deputado do PPdeG Alberto Pazos apoiou esta petición que, sinalou, segue a liña doutras actuacións similares levadas a cabo co pazo de Meirás ou as estatuas do Mestre Mateo, tamén en propiedade dos Franco, coas que "Galicia demostrou que facendo ben as cousas pódense conseguir grandes cousas".

Pazos garantiu que o Concello coruñés "vai ter un aliado na Xunta" para blindar a protección da Casa de Cornide, debido a que os seus "lexítimos propietarios son os galegos", declarou.

O deputado popular insistiu en que desde a súa formación política non queren que exista "nin un asomo de dúbida de que a Xunta quere que os galegos recuperen o que lexitimamente lles corresponde".