O Parlamento pide por unanimidade evitar que os Franco se beneficien de Meirás
• O Goberno vai presentar recurso e a Xunta anunciou que o apoiará

Os tres grupos do Parlamento de Galicia aprobaron por unanimidade unha iniciativa en que piden recorrer a sentenza do pazo de Meirás que establece unha indemnización para a familia Franco polos gastos de conservación do inmoble. Pretende evitar, en último caso, "que os herdeiros do espolio obteñan ningún beneficio económico do mesmo".
O texto aprobado, en base a sendas mocións do BNG e do PSdeG, "apoia e demanda" que o Goberno e a Xunta "interpoñan os recursos oportunos contra a sentenza da Audiencia provincial da Coruña".
O Executivo central xa confirmou este martes que vai presentar un recurso de casación contra o veredicto. E a Xunta, segundo anunciara o presidente hai uns días, e confirmou en sede parlamentaria o deputado popular Alberto Pazos Couñago, "estará ao lado do Estado presentando ese recurso".
Diferenzas durante o debate
Malia a unanimidade, durante o debate os grupos amosaron as súas diferenzas. O BNG considera que foi a presión social a que "conseguiu dobrarlle o brazo ao Goberno e á Xunta" para recorrer, algo que inicialmente non estaba previsto.
Para o PSdeG, foi a "vontade dun Goberno progresista", ao igual que todo o proceso para conseguir a titularidade pública do pazo, que non se dea ás "pancartas e ao populismo”.