CRTVG

Buscar

O Parlamento insta a Alcoa a "reconsiderar" o peche da fábrica da Coruña

Publicado o 23/10/2018 19:04

• Todos os grupos piden abrir unha mesa de diálogo

Reúnense en Madrid todas as partes implicadas no seu futuro 

 

O Parlamento insta a Alcoa a "reconsiderar" o peche da fábrica da Coruña

O Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei en que insta a Alcoa a "reconsiderar" o peche da fábrica da Coruña e na que, entre outras cuestións, pide abrir unha mesa de diálogo con todos os axentes implicados para "buscar liñas" de solución á situación da planta.  

A proposta, que foi froito dun acordo entre todos os grupos, e na que sobre todo se impuxeron os condicionantes de manter emprego e da innovación, tamén reclama ao Goberno central que poña antes de final de ano as axudas de compensación previstas na lei para o ano 2018 e por importe de 150 millóns, iso si, ligadas a investimentos tecnolóxicos e ao mantemento dos postos de traballo.  

Nesta mesma liña, tamén se pide que para o ano 2019 e seguintes implantar un novo réxime de compensación por custos adicionais incluídos no prezo da electricidade soportados polas industrias electrointensivas, tamén vinculados a investimentos tecnolóxicos e ao mantemento do emprego.

Estas mesmas condicións engádense á petición de que se establezan "todos os mecanismos" de compensación necesarios para que este tipo de industrias "compitan en igualdade de condicións coas homólogas europeas". A iniciativa orixinal partiu do PPdeG que, de feito, fíxose unha autoemenda debida que a orixinal non contemplaba a cuestión sobre Alcoa -tendo en conta que aínda non se anunciou o peche da fábrica cando se incorporou na orde do día no pleno-. 

"Cando a rexistramos, non imaxinabamos o inminente desenlace que se está producindo", afirmou. 

Os populares tamén puxeron o acento na súa iniciativa na necesidade de que o Goberno executase os "150 millóns de euros" para pór en marcha un sistema de axudas por custos adicionais para as electrointensivas nesta segunda metade de 2018.  

"Insistimos en dar o máximo apoio aos traballadores", remarcou Marta Novoa Iglesias, que manifestou, sobre a decisión "unilateral" da empresa de pechar a planta da Coruña: "Nin a compartimos, nin entendemos".

Por parte da oposición, o deputado de En Marea Pancho Casal chamou a facer un esforzo por parte de todos os grupos para alcanzar un acordo unánime, e deixar de lado as "diferenzas sobre alternativas para o sector" até o "día seguinte" a que Alcoa retire o ERE de extinción.  

"Facer o contrario só beneficia a empresa", advertiu, lembrando despois que recibiu 2.000 millóns de fondos públicos que debían estar suxeitos á "sustentabilidade do emprego e mellora tecnolóxica", como así se pide na iniciativa aprobada.  

O socialista Abel Losada puxo o acento no "desastre lexislativo" dos ministros de Mariano Rajoy na materia e lembrou que na última década, o PP en Galicia "leva gobernando nove anos e seis meses" e no Estado, salvo o últimos catro meses, fixérono máis de seis anos.  

O deputado do PSdeG tamén defendeu pedirlle ao Goberno central introducir cambios no actual sistema de interrompibilidade e que inste na UE a pór en marcha fondos europeos para compensar os custos das empresas con alto consumo enerxético, como así se recolleu.   

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/10/2018