CRTVG

Buscar

O Parlamento inicia o debate dos presupostos do ano 2020

Publicado o 18/11/2019 15:27

Desde as dez da mañá debátense no Pazo do Hórreo os presupostos da Xunta de Galicia para o ano que vén.

A Xunta di que os orzamentos do 2020 priorizan as áreas sociais e supoñen unha nova baixada de tributos. Para a oposición, son simplemente unhas contas electorias ante os comicios do ano que vén.

Non é a única cita parlamentaria da semana, mañá a cámara galega vai elixir os senadores da Comunidade, entre eles, Xaquín Leiceaga, o ata agora voceiro socialista.

O conselleiro de Facenda destaca a "estabilidade" e singularidade de Galicia

O conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, Valeriano Martínez, destacou este luns a "estabilidade" de Galicia, durante a súa intervención na presentación dos orzamentos no Parlamento, e afirmou que a comunidade é "un sitio distinto" ao presentar as contas autonómicas para 2020, "os cuartos da lexislatura".

"Os galegos son moderados, queren estabilidade e foxen de aventuras; non lles gustan os gobernos bipartitos, tripartitos ou cuadripartitos e, grazas á estabilidade que nos outorgaron, en Galicia estamos blindados ante a inestabilidade do Estado", apuntou Martínez na Cámara lexislativa galega no debate da totalidade dos orzamentos para 2020.

Ante a "inestabilidade do Estado", o conselleiro entende que a obrigación da Xunta "non é outra que transformala en seguridade, certeza, confianza e orgullo para os galegos", tendo en conta que "non hai maior seguridade para cidadáns, familias e empresas que saber que en Galicia haberá de novo un orzamento".

Durante a presentación das contas da comunidade autónoma para 2020 -que crecen un 3 % con respecto a 2019, ata os 10.149 millóns de euros-, Martínez mostrouse moi crítico co Goberno central, ao que reprochou o ingresar "só o 10 % dos 700 millóns que debe a Galicia", así como o seu comportamento "errático" no plano económico.

"Presentamos, por quinto ano consecutivo, un orzamento expansivo pero prudente, xa que queremos que Galicia sexa o antídoto ante o bloqueo e as aventuras estatais", relatou o responsable de Facenda o Executivo autonómico, quen explicou que o cálculo dos ingresos por entregas a conta "se estimou de forma prudente e responsable".

A cuestión dos 700 millóns de euros debidos a Galicia por entregas a conta -cuxo pago foi aprobado polo Consello de Ministros-, o unha mensualidade do IVE e o incentivo como comunidade "cumpridora" centraron boa parte da intervención do conselleiro, quen apuntou que a Xunta "nunca renunciará a esixir".

"O pago desta débeda será o primeiro asunto da axenda galega que calquera Goberno central deberá cumprir", sentenciou Martínez, quen sinala que, aínda que o Executivo central "pague os 344 millóns de entregas a conta antes de final de ano", non renunciará "aos 370 millóns que queren quedar, pero son de todos os galegos".

Con respecto ás perspectivas de crecemento, o conselleiro lamentou que estas "se retardaron nos últimos meses", un escenario que atribuíu "ao bloqueo político no que estamos instalados, a incapacidade do Goberno para aprobar orzamentos" e "ás tensións comerciais globais".

Por último, Martínez destacou que se se busca "un modelo de éxito do Estado das autonomías, o mellor exemplo de que funciona, a resposta é Galicia".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí