CRTVG

Buscar

O Parlamento galego únese para pedir a suspensión do ERE de Siemens-Gamesa

Publicado o 10/02/2021 14:30
O Parlamento galego únese para pedir a suspensión do ERE de Siemens-Gamesa

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade unha proposición non de lei do grupo do PPdeG pola que se insta a Xunta de Galicia a que demande a suspensión do expediente de regulación de emprego (ERE) solicitado por Siemens-Gamesa na súa planta das Somozas (A Coruña).

Esta iniciativa reclama tamén ao Executivo galego que acepte a formación dunha mesa de traballo conxunta en que estean presentes o Goberno central e representantes dos traballadores co obxectivo de "atopar solucións que garantan a viabilidade e o futuro da planta".

De igual forma, a proposta pide á Administración autonómica que, en colaboración co Estado, use "todos os mecanismos á súa disposición" para lograr que a empresa manteña a actividade na planta "apostando pola modernización e pola implantación de novos proxectos industriais que garantan a carga de traballo para os traballadores".

Debate malia a unanimidade

A pesar da votación común de todos os grupos, as distintas forzas políticas con representación na Cámara galega aproveitaron o debate para cruzar reproches e exhibir as súas diferenzas sobre quen consideran culpable da situación que atravesa esta central.

O deputado do PPdeG encargado de defender esta iniciativa, Miguel Tellado, acusou de "demagoxia" un PSdeG que -considerou- opta por "defender a Pedro Sánchez", presidente do Goberno, antes que os intereses dos traballadores e de Galicia.

Na súa opinión, a Xunta actuou "desde o primeiro momento" para tratar de frear este ERE e asegurou que, neste asunto, tan só existe un "inimigo común",  Siemens-Gamesa, a quen esixiu que paralice o expediente xa en marcha.

"Quen non fixo nada nesta crise foi o Goberno de España", agregou Tellado, que tamén lle reprochou á oposición o seu voto en contra dos orzamentos autonómicos para 2021, en que se consignan partidas para mellorar as infraestruturas relacionadas coa planta das Somozas.

Pola súa banda, Martín Seco, do PSdeG, respondeu atacando á Xunta por "renunciar" a calquera tipo de política industrial e limitarse a estar "a se esconder como un neno detrás do Goberno do Estado".

"Poden e deben colaborar coas competencias que teñen en política enerxética", advertiu, para apostilar que, no PP, "enchen a boca de falar de compromisos, pero despois non levan a cabo ningún".

Por último, Ramón Fernández Alfonzo, do BNG, declarou que "non é admisible que en pleno boom eólico vaia a pechar unha das poucas fábricas de compoñentes que quedan en Galicia" e sostivo que deberían aproveitarse as potencialidades deste país para atraer máis empresas e consolidar as xa existentes.

Os mesmos deputados protagonizaron a continuación un debate sobre a situación da industria en Ferrol e as comarcas veciñas, dado que o PSdeG presentou outra proposición non de lei para reclamar á Xunta plans de desenvolvemento, de formación para o persoal auxiliar e de captación de actividades ligadas ao sector eólico-mariño.

Con todo, esta proposta non prosperou debido ao voto negativo do PPdeG despois de que non fose tida en conta a súa emenda de substitución, que cambiaba os puntos da iniciativa socialista para centrarse na resolución dos conflitos existentes no estaleiro de Navantia ou a central térmica das Pontes.