CRTVG

Buscar

Núñez Feijóo: "A posición de Galicia é sólida para pasar á fase 1"

Publicado o 07/05/2020 15:18

• O presidente da Xunta censura que "na desescalada está reinando a confusión"

• Ana Pontón acúsao de instalarse "no triunfalismo e na falta de autocrítica"

• Antón Sánchez lamenta a situación nas residencias e acúsao de "manipulación" 

• Caballero defende a prórroga da alarma e chama a mobilizar 2.500 millóns

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegura que "a posición de Galicia é sólida para que o luns toda a comunidade autónoma poida pasar á fase 1" da desescalada.

Na sesión da Deputación Permanente do Parlamento Galego, o presidente galego asegurou que "estamos potenciando a atención primaria que será clave e que se encarga de seguir a evolución dos pacientes que están no seu domicilio".

 

 

Con todo, Núñez Feijóo advirte sobre os posibles brotes que poden darse e que "non son en absoluto descartables no curto e medio prazo, sobre todo, a partir de outono".

Na que é a súa segunda comparecencia no Parlamento desde que se declarase o estado de alarma, Núñez Feijóo explicou que na Comunidade a "fase crítica deste primeiro brote está a superarse" aínda que deixa un "pobo galego incompleto e profundamente danado".

O xefe do Executivo autonómico dixo que os primeiros resultados dos estudos epidemiolóxicos demostran que en Galicia o "virus circulou pouco", aspecto que ten un lado bo "porque máis xente se librou da enfermidade e das súas consecuencias", pero tamén o seu parte mala, engadiu, porque "agora estamos menos preparados" ante eventuais rebrotes.

 

Remarcou que en Galicia a ocupación máxima das UCI, aínda no pico máximo, "non chegou ao 26 %". Por iso, defendeu que Galicia conta coa capacidade sanitaria suficiente que esixen os criterios do Ministerio de Sanidade a pesar de que para cumprir cos mínimos en asistencia hospitalaria en Galicia sería necesario empregar as camas dos hospitais de campaña que se poderían activar en cinco días.

Tamén anunciou que nas próximas dúas semanas serán testados o cento por cento dos profesionais sanitarios e non sanitarios que traballan no sistema galego de saúde. Con este obxectivo, o Executivo galego acaba de adquirir 400.000 novos test, dos que 100.000 xa están en poder do Sergas, e que foron "doados por unha multinacional galega".

"Carecemos dunha folla de ruta coñecida"

O presidente da Xunta tivo críticas para o Goberno central. "Ao igual que pasou co confinamento, na estratexia de desescalada tamén está reinando a confusión", sentenciu, para engadir que "carecemos dunha folla de ruta coñecida con antelación". Engadiu, tamén que é "sorprendente que a nivel nacional haxa tantas dúbidas arredor dos datos", e censurou que "a estas alturas aíndanon podemos comparar as cifras sobre falecidos en residencias". É "indefendible", dixo, quenon exista unha serie histórica en España para avaliar a pandemia.

"Triunfalismo e falta de autocrítica"

A voceira do BNG, Ana Pontón, reprochou que o presidente da Xunta "reclama un diálogo que logo non practica en Galicia" acusouno de instalarse "no triunfalismo e na falta de autocrítica". 

Acusou a Núñez Feijóo de recortar máis de 2.000 millóns de euros na sanidade pública e os hospitais con menos camas que cando chegou ao goberno en 2009. "As consecuencias é que temos a atención primaria no chasis", dixo.

 

Propuxo un plan de reforzo dotado con 200 millóns de euros e esixiulle "que se comprometa a manter todo o persoal de reforzo que contratou" para conter a pandemia. 

A voceira nacionalista lembrou que das 223 residencias que hai en Galicia “só 24 son de xestión pública”. A situación nas residencias, dixo,  “é a cara máis dramática do seu fracaso na xestión da crise, co 45 % dos mortos”.

Pontón pediu un gran acordo de país para que sele no Parlamento de Galicia un plan para a reconstrución do país.

A situación das residencias

Polo Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "non abrir ningún expediente sancionador a residencias de maiores privadas a pesar das inspeccións que alertaban de incumprimentos".

"O 98 % das mortes de maiores en Galicia déronse en residencias privadas e os usuarios destas residencias teñen seis veces máis posibilidades de morrer que os das públicas", dixo Sánchez.
Do mesmo xeito, o parlamentario tamén criticou a xestión sanitaria da Xunta, con especial fincapé na situación do persoal de enfermería, "ao que aplauden despois de maltratalos durante anos".

Engadiu que no ámbito da saúde pública hai profesionais que "levan traballados dez anos sen dereito a vacacións" a pesar de ter "seiscentos contratos e cinco anos cotizados" á Seguridade Social.


"As súas políticas saen derrotadas desta crise", dixo Sánchez, ao presidente da Xunta, e apuntou tamén que o Executivo autonómico "tentou despedir ás enfermeiras eventuais en canto a incidencia do virus baixou".

O deputado, que compareceu na Cámara galega cunha camiseta co lema "Defende A Galega", sinalou que hai traballadores do ente público Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) que "levan dous anos reivindicando uns medios públicos que non sexan utilizados partidariamente polo PP".

Por último, criticou que Feijóo "fai o contrario do que di", xa que "pide transparencia ao Goberno central cando é o rei da ocultación e a manipulación", e reivindicou que "o futuro necesita un xiro de 180 graos con respecto ás políticas do PPdeG".

"Deslealdade e cinismo"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediulle a Feijóo "unha rectificación e unha disculpa" pública tras a súa oposición á prórroga do estado de alarma vixente en España.

Caballero esixiulle ao Goberno galego que comece a trazar "un acordo de país para a reconstrución" tras a crise causada pola pandemia. "Sente ás forzas políticas para un acordo político", afirmou o líder do PSdeG, que tamén quixo involucrar nestas conversas a axentes sociais, patronal e sindicatos, e ao resto de institucións con soberanía en Galicia, como concellos e deputacións.

Caballero chamou a mobilizar ata 2.500 millóns de euros para combater os efectos que deixará a pandemia. Ademais, pediu mudar as políticas de recortes e de privatización da sanidade.

 

Acusou á Xunta de "deslealdade e cinismo" co Estado no canto de atender a empresas e autónomos que quedaron no "esquecemento".

Para Caballero, só caben dúas saídas á crise actual, unha mediante o modelo conservador, con máis axustes, recortes e privatizacións; e unha progresista que aposte polo "compromiso do público para impulsar o país".

"Algo haberá que explicar. Algunha lección haberá que extraer", resolveu Caballero sobre a xestión da crise do coronavirus, cuxos efectos posteriores apostou por paliar con actuacións como a contratación estable de persoal sanitario, a diferenza do actual Executivo que "non mobilizou todos os recursos dispoñibles". 

"Desconfinar o autogoberno"

O deputado do Grupo Mixto Davide Rodríguez non puido asistir hoxe á sesión da Deputación Permanente, pero remitiu un escrito esixíndolle ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "desconfine o autogoberno" comparecendo de forma regular na Deputación Permanente e "defendendo, como non fixo durante este tempo, o Estado autonómico e o noso marco de competencias".

"Pedímoslle que a desescalada sirva para desconfinar o autogoberno, a lingua e a cultura, a capacidade de organización, o próximo, o comunitario e o equilibrio territorial do rural para, así, recuperar unha realidade ecolóxica, feminista, social e laboralmente xusta", apuntou Rodríguez.