CRTVG

Buscar

O Parlamento de Galicia percorre coa TVG as súas sete primeiras lexislaturas

Publicado o 04/06/2019 14:02

O xornalista desta casa Xesús Fontenla presentou esta tarde o libro Anecdotario do Parlamento de Galicia, unha obra que recolle 90 entrevistas con ex-deputados das sete primeiras lexislaturas da cámara galega. O libro compleméntase cunha serie audiovisual de sete capítulos que se emitirá aquí, na TVG, baixo o título de A recámara, e que recolle a historia parlamentaria de Galicia desde un punto de vista íntimo e persoal dos seus protagonistas.

Trátase dun ambicioso proxecto en que uniron esforzos o Parlamento Galego, a Asociación de Ex-parlamentarios e a Compañía de Radio e Televisión de Galicia. O xornalista Xesús Fontenla deulle forma ao que acobou converténdose nun relato histórico do parlamentarismo galego. 

Xesús Fontenla, autor do libro e director do programa: "Creo que ten a virtualidade de que supón poñer a disposición dos galegos a historia do seu Parlamento, do parlamentarismo, que é o mesmo que relatar a historia da democracia. E todo iso contado dunha maneira moi amena".

Máis de dous anos de traballo e 90 entrevistas conforman o libro Anecdotario do Parlamento de Galicia e o programa A recámara. Unha aposta da Televisión de Galicia que, para o presidente do Parlamento, é xa unha obra obra necesaria. 

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG: "Queremos achegar o noso gran de area á conservación da memoria deste Parlamento, dos seus parlamentarios, para seguir sendo a principal testemuña da vida parlamentaria galega".

Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia: "É o mellor xeito de abordar e de achegar á xente a historia da Cámara desde unha óptica desenfadada, máis sen perder un ápice de rigor".

O presidente da Xunta, que participou na presentación do programa e do libro, resaltou a madurez do Parlamento Galego, aínda nos momento de máis incerteza.  

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Somos unha democracia nova, aínda que sometida a probas moi serias e en moi pouco tempo, e diante de todas elas o noso Parlamento comportouse cunha extremada madurez, sen deixar nunca de ser o corazón e a alma política do país".

 

 

 

Noticias web

04/06/2019