CRTVG

Buscar

O Parlamento catalán escenifica o rexeitamento á inhabilitación de Torra

Publicado o 04/01/2020 21:33

O Parlamento de Cataluña retomaba pasadas as oito e media do serán un longo debate, que ten como referencia a proposta dos independentistas para rexeitar a inhabilitación do presidente da Generalitat.

A primeira parte dese debate comezaba ás cinco da tarde e nel Quim Torra insistiu en que este é o momento de plantarse e de defender a inviolabilidade do Parlament: "Vivimos un novo intento de alteración da vontade popular dos cataláns, un novo golpe á democracia, de feito, un golpe de Estado contra as institucións do noso país, e hai persoas que cando consideran que non lles agrada un presidente, un goberno ou un Parlamento, non hai que respectar ningún límite para destruílo"

Na bancada separatista, Esquerra Republicana sinalou que non haberá fisuras na causa antirrepresiva e a CUP pediulle a Torra un alcance maior na desobediencia contra o Estado. O partido maioritario na Cámara, Ciudadanos, incidiu en que o problema de Cataluña se chama Quim Torra.

 "Xa está ben de ignorar a máis da metade dos cataláns, xa está ben de vir aquí e crer que poden facer todo o que queren, outro mitin político. Se vostede quere facer mitins vaia á sede do seu partido e se vostede quere colgar lazos e pancartas e carteis dos candidatos separatistas, cólgueos no balcón da súa casa, pero non no balcón de todos os cataláns", reprochou a voceira da formación laranxa, Lorena Roldán.

Para o PP, os independentistas só respectan as leis españolas ou europeas cando os favorecen. Desde o PSC e En Común Podem expresaron o rexeitamento á decisión da Xunta Electoral Central, pero con distintos matices ao independentismo. De feito, Iceta propuxo que Torra se defenda pola vía xurídica e presente un recurso.

Noticias web

04/01/2020