CRTVG

Buscar

O Parlamento catalán debate e vota a moción de Ciudadanos contra Torra

Publicado o 07/10/2019 12:33

Ás dez da mañá, o Parlament catalán debate e vota a moción de censura impulsada por Ciudadanos contra o presidente da Generalitat, Quim Torra. Só conta co apoio do Partido Popular catalán, polo que se prevé que non prospere. O PSC xa anunciou que se vai abster.

Será a cuarta moción de censura que acolla o Parlament na súa historia recente. Está auspiciada por Ciudadanos, só conta a priori co aval do PP catalán, polo que ambos partidos só sumarían 40 votos, lonxe dos 68 da maioría necesaria para que prosperase. A formación laranxa, que presenta a Lorena Roldán como candidata alternativa a Quim Torra, explica por que se presenta agora a moción.

"Porque ata agora non tiñamos goma-2 no debate político. Non había presuntos terroristas detidos e cantando diante dos xuíces que si pensaban atentar en Cataluña. E nunca tiveramos un presidente da Generalitat que os apoie", asegurou Inés Arrimadas.

Arrimadas insta o PSC a que se sume á moción, aínda que non sirva para gañar a votación. Os socialistas xa anunciaron que se absterán. Iceta cre que presentala agora responde a unha estratexia de Ciudadanos para dar a coñecer a súa candidata Lorena Roldán. O secretario do PSC cre que a formación laranxa non vai solucionar o problema en Cataluña, onde -di- non existe terrorismo.

Miquel Iceta: "Como me preguntou: vostede cre que hai terrorismo en Cataluña? Non. Pero tampouco creo que a fabricación de explosivos sexa normal, común e desexable".

Di Iceta que presentar unha moción destinada ao fracaso provoca o efecto de consolidar o presidente Torra. Pero Ciudadanos fala de urxencia democrática e os populares din que, aínda que non saia adiante, a moción vencerá ante a opinión pública.

Noticias web

07/10/2019