CRTVG

Buscar

O Parlamento británico apoia pedirlle á UE atrasar a data do 'brexit'

Publicado o 14/03/2019 23:08

A Cámara dos Comúns británica apoia este xoves por 412 votos fronte a 202 pedir á Unión Europea (UE) que atrase a data para a saída do Reino Unido do bloque comunitario, fixada para o 29 de marzo próximo.

Os deputados apoiaron unha moción gobernamental que di que o Goberno solicitará unha prórroga do prazo de negociación ata o 30 de xuño se a Cámara aproba un pacto de 'brexit' antes do 20 de marzo -véspera do Consello Europeo-, e máis longa se non hai acordo. Neste segundo caso, precisa o texto, O Reino Unido tería que xustificar ante os vinte e sete "o propósito" da prórroga e, no caso de concedela, o país debería concorrer ás eleccións europeas que se celebrarán entre o 23 e o 26 de maio.

A UE reiterou que se Londres pide ampliar as negociacións deberá explicar o motivo, como prevé consensuar unha proposta maioritaria nos Comúns e que tipo de relación desexaría ter co bloque comunitario unha vez fóra. Pero o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, afirmou este xoves que, nas conversas previas ao Consello Europeo do 21 e 22 de marzo, pediralles aos líderes comunitarios que acepten unha prorroga "longa" se o Reino Unido decide reformular a súa estratexia. 

Os deputados votaron por terceiro día consecutivo tras un debate en que tamén rexeitaron convocar un segundo referendo para desbloquear unha situación que resolva o histórico proceso, pero o próximo paso aínda se mantén nunha incógnita.

Deste xeito, a única certeza agora é que ata que a UE non se pronuncie, a saída do Reino Unido da Unión Europea segue programada para o 29 de marzo ás 23:00 hora local.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019