CRTVG

Buscar

O Parlamento aproba a Lei de protección e benestar dos animais domésticos

Publicado o 26/09/2017 16:30

Galicia conta desde hoxe cunha Lei de protección e benestar dos animais domésticos. Unha norma que busca mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e prohibir os malos tratos.

Non houbo acordo de toda a cámara, e iso a pesar de que todos os grupos recoñeceron que esta norma supón un avance significativo na protección dos animais domésticos. O proxecto presentado polo Goberno só tivo o apoio do grupo popular, que salientou que estamos ante unha das leis máis avanzadas de Europa.Porén, os grupos da oposición votaron en contra. Estaban de acordo con moitos dos 49 artigos que ten a lei, pero pedían tamén a prohibición das corridas de touros e a participación de animais nos circos. Solicitaban tamén unha prohibición máis expresa do que recolle a Lei do tiro ao pombiño.

A nova Lei de protección e benestar de animais de compañía amplía os supostos de malos tratos a animais e endurece as penas nos casos de abandono. Ocasionarlles dano, dor ou sufrimento terá sancións de entre 500 e 5.000 euros. A normativa prohíbe os aparellos que limiten os movementos dos animais, os colares eléctricos e de castigo e a mutilación de extremidades, como orellas ou o rabo, por estética. Tamén recolle o sacrificio cero.

O texto amplía as obrigas dos propietarios de mascotas na atención sanitaria e castiga con ata 500 euros a quen non recolla os excrementos na rúa.

Entre os aspectos máis contestados da lei, por protectoras e asociacións animalistas, están as multas por dar comida a animais na rúa sen necesidade, e as que se fixan por quedar con exemplares extraviados ou abandonados sen permiso municipal. Son penas moi graves, con sancións de ata 5.000 euros.

A normativa prohíbe os circos con animais salvaxes e a compravenda ambulante dos de compañía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/09/2017