CRTVG

Buscar

O 'Parlament' catalán decide hoxe se lle retira a acta a Torra

Publicado o 27/01/2020 09:15

Todas as vistas están hoxe postas no Parlament catalán. Rematado o prazo que deu o Supremo, hoxe saberase que decisión toma o presidente da Cámara, Roger Torrent con respecto ao presidente Quim Torra, se lle retira a acta de deputado ou se o deixa votar no pleno que se celebra ás tres desta tarde. PP e Ciudadanos xa avisaron que denunciarán a Torrent se desobedece. 

A de hoxe será unha decisión trascendental e porá a proba a relación entre Junts per Catalunya e Esquerra. Todo vai depender do que faga o presidente do Parlament, Roger Torrent. Ás doce e media do mediodía, reunirase a Mesa e xa se coñecerá se a Cámara acata a decisión da Xunta Electoral Central, ratificada polo Supremo e lle retira a acta ao president Torra, inhabilitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. Se finalmente Torra acode e vota nese pleno, Roger Torrent estaría desobedecendo. Os letrados da Cámara xa o advertiron que é de obrigado cumprimento. Se o Parlament desobedece, Torrent e os membros da Mesa expóñense a unha querela e a seren denunciados por prevaricación e desobediencia.

Os de Junts per Catalunya xa avisaron que se non se lle permite a Torra exercer o seu voto, ningún outro membro do partido asumirá o seu escano. Nas últimas horas, pronunciábase o vicepresidente do Parlament, o neoconverxente Josep Costa. Aseguraba que non acatarán a orde e que non poden incumprir a inhabilitación porque o Reglamento da Cámara o impide.

Desde Ciudadanos, Lorena Roldán advertía desde twitter a Roger Torrent que se lle mantén a acta a Torra, o denunciarían. Desde o PP, tamén avisaron que se querelarán contra Torrent e Torra se o presidente do Parlamento non acata a orde do Supremo.

Desde o Goberno, o vicepresidente Pablo Iglesias defendía nas últimas horas que a receita para Cataluña é diálogo e diálogo e aseguraba que as cousas poden encauzarse politicamente.

Pablo Iglesias, vicepresidente do Goberno dixo: "Todo o que sexa desinflamar a situación, todo o que sexa sacarlle carga emocional e inxectarlle racionalidade, pragmatismo e sentido común vai ser positivo".

Se o Parlament acata e executa a resolución do Supremo e deixa de recoñecer a Torra, o conflito no Govern podería rematar coa convocatoria de eleccións.

Noticias web

27/01/2020