CRTVG

Buscar

O papa Francisco inclúe o delito de pederastia no Código de Dereito Canónico

Publicado o 01/06/2021 17:32
O papa Francisco inclúe o delito de pederastia no Código de Dereito Canónico

O papa Francisco reformou o Libro VI do Código de Dereito Canónigo sobre as sancións na Igrexa católica e introduciu a pederastia como delito “contra a dignidade humana”, con penas que poden derivar na expulsión.

Segundo informou o Vaticano, o artigo 1398 establece castigar “coa privación do oficio e con outras xustas penas, sen excluír, se o caso o requirise, a expulsión do estado clerical" a quen "comete un delito contra o sexto mandamento do Decálogo cun menor ou con persoa que habitualmente ten un uso imperfecto da razón ou á que o dereito recoñece igual tutela".

As mesmas sancións determinan para calquera membro que “recruta ou induce” a expoñerse pornograficamente ou a “participar en exhibicións pornográficas, tanto verdadeiras como simuladas" ou “inmoralmente adquire, conserva, exhibe ou divulga, en calquera forma e con calquera instrumento, imaxes pornográficas de menores ou de persoas que habitualmente teñen un uso imperfecto da razón".

O Libro VI é un dos sete que forman o Código de Dereito Canónigo e a súa modificación entrará en vigor o vindeiro 8 de decembro.

O pontífice considera que era necesario revisar a disciplina penal promulgada por san Xoán Paulo II o 25 de xaneiro de 1983 co Código de Dereito Canónigo para "responder axeitadamente ás esixencias da Igrexa en todo o mundo”.

O traballo de revisión iniciouse no 2007 co papa emérito Bieito XVI e conclúe agora, cun texto que "introduce cambios de diversa índole no dereito vixente e sanciona algunhas novas figuras delituosas", en palabras de Francisco.

Tamén se mellorou "desde o punto de vista técnico, especialmente no que se refire a aspectos fundamentais do dereito penal, como o dereito de defensa, a prescrición da acción penal ou unha determinación máis precisa das penas".

Reduce a "discrecionalidade"

Agora ofrécense "criterios obxectivos na identificación da pena máis axeitada no caso concreto", redúcese a discrecionalidade da autoridade para favorecer a unidade eclesiástica na aplicación das sancións, "especialmente para os delitos que causan maior dano e escándalo na comunidade", engade o papa.

O presidente do Pontificio Consello para os Textos Lexislativos Filippo Iannone subliñou que a presenza nas comunidades dalgunhas situacións irregulares e os recentes escándalos, derivados dos casos de pederastia levaron a revitalizar o dereito penal canónico e a integralo con oportunas reformas lexislativas.

Ademais, incorpóranse ao Código os delitos tipificados nos últimos anos en leis especiais, como o intento de ordenación de mulleres, o rexistro de confesións e a consagración eucarística con finalidade sacrílega.

Do mesmo xeito, engádense algúns casos novos, como a violación do segredo pontificio, a omisión da obriga de executar unha sentenza ou de notificar a comisión dun delito. Establécese a posibilidade de aplicar a pena de suspensión a toda a comunidade de fieis e muda o prazo de prescrición dos delitos, a fin de favorecer a conclusión dos procesos nun tempo razoablemente curto.

Noticias web

01/06/2021