CRTVG

Buscar

O pai e o cuñado do falecido en Oleiros declararán como investigados por lesións

Publicado o 07/01/2020 17:36
O pai e o cuñado do falecido en Oleiros declararán como investigados por lesións

A titular do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña citou a declarar como investigados ao pai e ao cuñado do falecido en Oleiros (A Coruña) tras unha liorta acontecida tras a celebración nun hotel coruñés da festa de Noitevella, de acordo con fontes próximas ao caso. As mesmas fontes afirman que a declaración, que ambos farán en condición de investigados por un suposto delito de lesións, se efectuará o día 14.

No transcurso da pelexa, a vítima, de 31 anos, recibiu un golpe cun cinceiro metálico, segundo confirmou a Garda Civil. Están pendentes dos resultados da autopsia para determinar os motivos da súa morte ou se o golpe puido provocar o seu falecemento.   

Tras os feitos, foron detidas dúas persoas, un deles coñecido da vítima. Para este mozo, de 27 anos, a xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza como investigado por un delito de homicidio. O outro detido, de 33 anos, quedou en liberdade coa obrigación de  comparecer quincenalmente no xulgado e en condición de investigado por un delito de lesións.