O pai de Ignacio Echevarría, o heroe do monopatín: "Vin paz na súa cara, e iso consólame"
O pai de Ignacio Echevarría, o heroe do monopatín, falou hoxe con nós e, moi emocionado, contounos como viviu e como morreu o seu fillo.
Segue emocionando, dous anos despois, a historia do seu fillo, a historia de Ignacio Echeverría Miralles de Imperial, bautizado pola prensa británica como o Heroe do monopatín.
"Una persoa cunhas conviccións e unha dignidade que a obrigaban a certo tipo de actuacións, e polo tanto non tivo oportunidade de facer algo diferente ao que fixo o día en que atopou a morte".
A noite daquel sábado 3 de xuño de 2017 Ignacio pasaba en bicicleta polo mercado do Borough, en Londres, cando viu un terrorista atacando a xente cun coitelo. Saltou da bici, colleu o monopatín e con el enfrontouse ao agresor. Os terroristas acoitelárono polas costas. Morreu, pero salvou vidas.
Despois, comezaron días de incerteza para a familia de Ignacio, que tardou en poder ver o seu corpo.
"Tiña medo de ver sufrimento ou desesperación no seu rostro, pero non vin iso, vin certa paz, vin o meu fillo durmindo e iso consoloume moito".
Despois chegaron os recoñecementos oficiais en España e tamén en Inglaterra, o funeral nas Rozas, en Madrid, e as homenaxes espontáneas. Chegaron lembranzas tamén das Pontes de García Rodríguez, onde se criou. Chegaron loas de todo o mundo.
"Pero nós queriamos que o recordo que nos quedara fose o do Ignacio que coñecemos, non o do Ignacio mítico".
Por iso, o pai escribiu nun libro a vida e morte do fillo.
"Podería ser bo como unha homenaxe á bondade, que eu creo que era o que máis claramente representaba Ignacio".
O fillo morreu con 39 anos. O pai di que morreu ben.