CRTVG

Buscar

O pai da nena de Muimenta pide prisión permanente revisable para a nai

Publicado o 06/09/2019 13:58

Prisión permanente revisable por matar unha nena indefensa de 7 anos. É a formulación penal coa que o pai de Desirée Leal comparece como acusación particular contra a única investigada: a súa ex-parella e nai da pequena. A cualificación final vai depender, non obstante, dos resultados da autopsia, que aínda non coñecen, e tamén do informe que faga o IMELGA sobre a saúde mental da nai.

"O pai quere a prisión permanente revisable. Entende, polos datos que constan na instrución e que non podo comunicar, que ela estaba en pleno uso das súas facultades ou, polo menos, que non estaba privada delas", explica o avogado do pai, Manuel Ferreiro, en declaracións exclusivas para a TVG. 

Entre setembro e novembro está previsto que presten declaración no xulgado numerosas persoas: desde os servizos de urxencias que acudiron ao domicilio no primeiro momento, a diversa xente da contorna de Desiré e da súa nai.

O pai apunta en distintas direccións, segundo o seu avogado: "Se había unha situación tan grave de padecementos psiquiátricos, que está por demostrar, como é posible que ninguén interviñese nesa situación?, é o que se pregunta o pai. El mira en todas as direccións: mira para a avoa, mira para o sistema de saúde pública, para os profesionais que trataban a muller... incluso para a escola, porque parece que a nena presentou ausencias inxustificadas e el di: como non me avisaban?".

Pensa que o tráxico final se puido evitar.

"Eu estiven onte con el na súa casa -di Manuel Ferreiro-. É unha persoa completamente desfeita, de baixa no traballo, pensando en marchar de aquí porque todo lle recorda á súa filla... E sufrindo porque desexa saber o que lle aconteceu á súa pequena".

O pai asegura que descoñecía o estado mental da nai que, tras os feitos, pasou catro meses ingresada na Unidade de Psiquiatría do Hospital Universitario de Lugo. Actualmente, está no módulo de enfermeiría do cárcere de Teixeiro.

Noticias web

06/09/2019