CRTVG

Buscar

Os pacientes hospitalizados en Palma e na Gomera por coronavirus dan negativo

Publicado o 13/02/2020 18:33
Os pacientes hospitalizados en Palma e na Gomera por coronavirus dan negativo

O paciente ingresado no hospital da Gomera desde o 29 de xaneiro afectado por coronavirus deu negativo na última análise e continúa sen ningunha sintomatoloxía, segundo informou a Consellería de Sanidade do Goberno das Canarias. As probas repetiranse dentro de 24 horas e en caso de que se confirme o resultado negativo recibiría a alta hospitalaria de maneira inmediata.

O paciente, que en dúas análises anteriores dera positivo -aínda que con carga vírica baixa-, é un cidadán alemán que viaxou á Gomera de vacacións en compañía de cinco amigos, e aínda que ao parecer se contaxiou no seu país, foi diagnosticado tras a súa chegada ás Canarias. Os seus amigos mantéñense en situación de seguimento domiciliario no municipio de Hermigua. 

Palma

As mostras do home ingresado por coronavirus no Hospital Universitario Son Espases, en Palma, deron negativo por primeira vez desde que foi hospitalizado o venres pasado. As que deron negativo son as terceiras mostras e foron enviadas para analizar ao Centro Nacional de Microbiología do Instituto de Saúde Carlos III o mércores, detallou a Conselleria de Saúde e Consumo nun comunicado. O home terá que esperar agora a un segundo resultado negativo antes de poder considerar que se atopa libre do virus.