CRTVG

Buscar

O Open Arms solicita un desembarco urxente na illa de Lampedusa

Publicado o 16/08/2019 14:41

• Os que van a bordo describen a situación como unha agonía insoportable

• A Comisión Europea non ten competencias para designar un porto

O buque Open Arms, bloqueado en augas italianas con máis de 130 inmigrantes, solicita urxentemente un desembarco humanitario na illa de Lampedusa. Din que a situación é extrema, despois de que esta noite tiveran que evacuar outras catro persoas por complicacións médicas.  

As evacuacións no Open Arms van chegando a contagotas. Esta noite sacaron do barco outras catro persoas por complicacións médicas que requiren atención especializada, explicaba a ONG nas redes sociais. Engadindo que todas as persoas a bordo, as 134, necesitan ser desembarcadas con urxencia. Por humanidade. E describen a situación como unha agonía insoportable que empeora a cada momento.

Pero de momento sen resposta. O barco, de bandeira española, continúa en augas italianas pendente da autorización para desembarcar nun porto, que lles nega o ministro do Interior Matteo Salvini, a pesar do acordo entre seis países europeos para acoller os inmigrantes: Francia, Portugal, Alemaña, Luxemburgo, Rumanía e España. A ministra de Defensa en funcións, Margarita Robles, di que ninguén pode poñer en dúbida a solidariedade de España e cre que o propio Salvini se descualifica por si só coas súas declaracións.

A situación do Open Arms rematou de dividir por completo ao goberno italiano. O ultra Salvini ten as competencias sobre os portos pero outra parte do executivo critica a súa posición e acúsano de deslealdade. Pero tampouco dan solucións ás persoas que suman xa 15 días no barco.
A propia Comisión Europea acaba de dicir que coordinarán a súa distribución pero que non poden facer nada sen un desembarco previo e que Bruxelas tampouco ten competencias para designar un porto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/08/2019