O Open Arms pide asilo na embaixada española en Malta para os menores que leva
Acaban de ser evacuadas oito persoas do Open Arms. Mentres, aumenta a tensión no barco polos problemas de convivencia. Dende a ONG critican o Goberno español despois de que o ministro de Fomento os acusara de ir de abandeirados da humanidade.
Este é o momento en que as dúas mulleres, unha delas con pneumonía e outra cun tumor cerebral, e os seus familiares eran recollidos por unha embarcación de Malta, país que se fixo cargo da evacuación. Unhas horas antes, xa desembarcaran outra persoa, neste caso un home con tuberculose, a un gardacostas italiano. A bordo quedan 151 inmigrantes e a situación é cada vez máis tensa por falta de solución por parte das autoridades.
Anabel Montes, xefa de Misión do Open Arms, pídelle aos estados "que sexan capaces de orquestar un mecanismo para desembarcar e distribuir a todas as persoas sen poñer en perigo a súa integridade física como está pasando aquí agora"
A ONG pediu asilo na embaixada española en Malta para os 31 menores que leva a bordo e que considera que cumpren as condicións para seren considerados refuxiados. Despois de once días pedindo un porto seguro, o fundador de Open Arms, acusa ao goberno español de poñerse de perfil ante este problema mentres a ONG pon en perigo a súa liberdade e o seu patrimonio.