CRTVG

Buscar

Macri e Cristina Fernández miden forzas nas eleccións lexislativas da Arxentina

Publicado o 22/10/2017 21:32

Os arxentinos escollen hoxe nunhas eleccións lexislativas ós novos deputados e senadores do país. Uns comicios que marcarán o rumbo das políticas do Goberno de Mauricio Macri nos vindeiros dous anos e que moitos interpretan coma un pulso entre o oficialismo e o kirchnerismo.

Avanza a xornada electoral na Arxentina sen grandes incidentes ata o momento, logo dun mes marcado pola multitude de ameazas de bomba fraudulentas que levaron a instaurar un protocolo especial de seguridade con máis de 100.000 efectivos. 

Xa votou máis dun 46 % do padrón, polo que a estas horas o nivel de participación xa supera o das primarias de agosto. Tamén acudiron ás urnas os principais candidatos e o presidente Mauricio Macri, quen animou os seus compatriotas a que nun día solleiro cumpran co seu deber cívico.

Máis de 33 millóns de arxentinos definirán co seu sufraxio a nova composición da Cámara de Deputados e do Senado. Uns comicios que moitos interpretan coma un pulso entre o oficialismo, que busca consolidar o seu proxecto político, e a ex-presidenta, Cristina Fernández de Kirchner, que opta a un escano de senadora na provincia de Bos Aires. 

Alí xogarase a nai de todas as batallas, como a definen os arxentinos, cun 37 % do electorado.
Os colexios pecharán ás seis da tarde, hora local, once da noite en Galicia, pero a cidadanía deberá agardar tres horas para comezar a saber os primeiros resultados. As autoridades electorais prevén que o reconto sexa moito máis rápido que o das primarias de agosto.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2017