O ocio nocturno só abrirá nos concellos con menor incidencia de covid−19
Pubs, discotecas e salas de festas e concertos poderán volver este verán con controis estritos de ocupación. O interior, ao 30 %, e as terrazas, ao 50. O control de acceso será rigoroso, incluídos os baños. Nas pistas de baile deberá haber tres metros cadrados por persoa.
Luis Diz, voceiro de Galicia de Noite, móstrase a favor do rexistro sanitario co emprego da mesma app que se usa nos restaurantes. Non está de acordo coa ocupación do 30 % porque di que non "é viable".
Os clientes deberemos dar os datos persoais ao entrar, e os medidores de CO2 serán obrigatorios. O borrador de reapertura da Xunta recolle tamén o regreso das actuacións en directo. Os músicos deberán ter metro e medio de separación entre eles e o escenario terá que estar a unha distancia de tres metros do público.
Todo isto vaise ensaiar a finais deste mes en dúas discotecas e catro pubs de Galicia.
Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta, di: "Se saen ben, poderase seguir avanzando para que os locais empecen a funcionar en xullo".
O borrador da Xunta sinala ademais que a reapertura só será posible nos concellos con mellor situación epidemiolóxica. O sector pode presentar alegacións. A idea é chegar a un documento de consenso.