CRTVG

Buscar

Os locais de ocio nocturno terán que pechar o domingo ás doce da noite en Galicia

Publicado o 14/08/2020 21:02

As discotecas, os bares de copas e os salóns de baile de toda Galicia pecharán o domingo ás doce da noite. A Xunta está preparando o borrador do DOG onde se coñecerán os detalles do peche, á espera de o ministerio de Sanidade lle remita toda a documentación da xuntanza de hoxe. Pero a a data e a hora xa están decididas. Domingo 16, ás vintecatro horas.

É unha das medidas que hoxe consensuaron o ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para intentar controlar a pandemia. Hai máis: como xa se fai en Galicia, tamén se decidiu prohibir fumar en toda España se non se pode garantir a distancia de seguridade. Medidas todas elas que serán de obrigatorio cumprimento en todo o territorio español, e que terán que poñerse en marcha canto antes.

Son en total once medidas adoptadas conxuntamente entre o Goberno e as comunidades e que serán de obrigado cumprimento en todo o territorio español.

Abarcan diferentes ámbitos, aféctanlle aos colectivos e sectores onde se detectou un maior risco de contaxio. Por iso a primeira medida é decretar o peche do ocio nocturno. As discotecas, os bares de copas ou os salóns de baile non poderán seguir abertos.

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Non ocio nocturno, non pode ser. Xenera gromos importantes"

Tamén hai limitación para os bares e restaurantes. Terán que limitar o aforo para garantir a distancia de seguridade, en cada mesa non poderá haber máis de dez persoas, e terán que pechar á unha da mañá.

Na rúa, aplícarase en toda España a medida que xa puxo en marcha Galicia, a de prohibir fumar se non se pode manter a distancia. Tampouco se poderán facer eventos multitudinarios: festas, concertos, manifestacións sen a autorización da comunidade autónoma previa avaliación de riscos.

 

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Hai que cumprir estas medidas, ser moi rigorosos, non facer botellón, non fumar se non hai distancia"

Hai un paquete de medidas tamén para o ámbito sociosanitario: limítase a visita ás residencias: como máximo unha persoa durante unha hora ao día, e será obrigatorio facerlles PCR a todos os novos ingresos e ao persoal sanitario que se incorpore por exemplo, das vacacións.
O documento establece tamén unha serie de recomendacións que, di o ministro, son vitais para controlar o virus.

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Establece unha recomendación moi nítida de moi clara: non reunirse con máis de dez persoas, e manter as reunións con grupos de convivencia estable"

Hábitos que, segundo Sanidade, haberá que cumprir estritamente durante un tempo, polo menos mentras con haxa vacina ou medicamento para a Covid.

Noticias web

14/08/2020