CRTVG

Buscar

Vixiando o estado do mar dende a illa de Cortegada

Publicado o 19/02/2020 20:10

Hai 10 anos que comezou a funcionar o Observatorio Costeiro da Xunta. Unha rede de estacións que xera cada ano máis de 3 millóns de datos sobre o estado do mar. A temperatura, a salinidade, as correntes. A información ofrécese en tempo real e axuda á explotación dos recursos mariños e ao coidado do ambiente. Dúas conselleiras celebraron a data visitando a primeira estación desta rede á beira da illa de Cortegada.

Como vai afectar un temporal á mortaldade do marisco? Que vento ou que ondas vai ter un percebeiro cando bote o pé nas rochas? Para onde van levar as correntes a mancha dunha vertedura no mar? Poder predicir estas situacións é importante para protexer a vida da xente do mar, sacar o maior proveito dos nosos recursos mariños e coidar o medio .

Dende hai dez anos, o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia recolle e estuda datos que permiten anticipar estas situacións e publícaos a diario para que todos poidamos usalos. Un dos seus puntos de observación está nesta batea de Cortegada.


O Observatorio Costeiro da Xunta está formado por seis estacións fixas coma a de Cortegada, 43 estacións oceanográficas e 70 estacións meteorolóxicas. Esta infraestrutura destacada a escala mundial permítenos estudar o mar minuto a minuto.

Noticias web

19/02/2020