CRTVG

Buscar

O Obradoiro volve á liga nun Sar baleiro

Publicado o 17/09/2020 21:58

O Obradoiro estrea a liga no Sar ante o Fuenlabrada sen público. "É paradoxal que no Multiusos Fontes do Sar se puidese ver un partido da liga LEB, un concerto ou unha corrida de touros, por poñer un exemplo, e a xente non vai poder ver o Obra", sinala Moncho Fernández.

Nese Sar baleiro o Obradoiro volve á competición 6 meses despois, cunha pretemporada atípica e con dúas vitorias nos dous amigables que puido xogar ante Gipúzkoa e Bilbao. Pero o técnico santiagués ve ben ao seu equipo: "Si chegamos preparados para competir cos rivais que imos atopar, primeiro o Fuenlabrada, e temos argumentos para podermos levar a vitoria que ao final é o importante". 

E na procura da primeira vitoria do curso enfrontaranse ao Fuenlabrada de Paco García, un equipo que fai da pelexa a súa forma de vida, segundo o define o adestrador do Obradoiro: "Imos atopar un equipo moi aguerrido, moi loitador no aspecto defensivo e ofensivo, con moita agresividade, un equipo que xoga moi rápido".

Na estrea Moncho Fernández non poderá contar nin co mancado Ozmizrak nin con Jake Cohen, que goza do seu permiso de paternidade nos Estados Unidos.

Noticias web

17/09/2020