O Obradoiro rexorde cun triunfo vital ante un rival directo como Guipúscoa
Cando peor estaban as cousas apareceu o mellor Obradoiro para acadar un triunfo vital para a permanencia. Impúxose por 66-79 na pista de Guipúscoa e pon dous partidos de marxe coa zona de descenso.
O primeiro tempo resultou de máxima igualdade sen que ningún dos dous equpos conseguise rachar o encontro. Gupúscoa tivo unha máxima vantaxe de sete puntos (28-21) pero ao descanso o marcador era de 32-31 e deixaba todo para a segunda metade.
Foi no terceiro cuarto cando o equipo de Moncho Fernández comezou a encamiñar o triunfo grazas a Czerapowicz e a un grande Enoch. Obradoiro acadaba unha vantaxe moi interesante para afrontar o último período (49-57). Pero os locais reaccionaron (59-61) con sete minutos por xogar. Aquí apareceron os pesos pesados do cadro santiagués e Birutis ou Robertson tomaron a iniciativa para conseguir unha vitoria moi necesaria.