CRTVG

Buscar

O Obradoiro estraga o partido co Joventut nos dous últimos minutos (83-87) cun parcial de 0-11

Publicado o 18/12/2020 13:16

Dous minutos e medio antes do final, o Obradoiro gañaba por 83-76 e todo apuntaba a que ía rachar a serie de derrotas das últimas xornadas. Pero un parcial de 0-11 a prol do Joventut fixo máis fonda a crise obradoirista con unha derrota que doe moito. O Obradoiro comezou ben o partido pero un parcial de 0-9 no treito final do primeiro cuarto fixo que o Joventut collese o mando (17-21).

O atasco prolongouse no segundo cuarto cando Ribas cunha tripla (25-33) acendeu as alarmas no Obradoiro. Ao descanso chegaba o equipo de Moncho Fernández oito abaixo e con malas sensacións. No terceiro cuarto comeza a ter fluidez en ataque o equipo galego o que lle permite meterse no partido. Recurta diferenzas ata que Daum consegue empatar o partido (51-51, m 28) e mesmo as triplas de Beliauskas e Cohen no treito final permítenlle volver a poñerse por diante (59-55). Co mando obradoirista pero sen rachar o partido transcorre o último cuarto ata que Robertson con catro puntos seguidos pon o 83-76 a 2:40 do final. Nese intre trocou a sorte do Obradoiro.

Unha tripla de Ventura e outra de Ribas igualan o partido. No último minuto Tomic anota a canastra que pon a Joventut por diante (83-84). Pozas e Birutis tiveron opción para poñer ao Obra por diante pero fallaron os tiros e Joventut sentenciou con outra tripla de Ventura.

Obradoiro: Muñoz 13, Oliver, Beliauskas 10, Birutis 13, Enoch, García, Daum 13, Robertson 14, Cohen 12, Czerapowic 2, Pozas 6

Joventut: Dimitrijevic 5, Ribas 20, López Aóstegui 9, Morgan, Brodziansky 13, Ventura 8, Bassas 11, Zagars, Birgander 6, Parra, Tomic 15.

Noticias web

18/12/2020