CRTVG

Buscar

O Obradoiro e o Breogán ultiman a posta a punto para o comezo da liga

Publicado o 08/09/2021 20:39

Cada setembro repítese a mesma imaxe no Sar: Raúl López e o Consello de Administración do Obradoiro danlles a benvida aos novos xogadores. "Todos os anos estamos contentos e eu diría que este ano, como ademais son veterano, un pouquiño máis ca outras veces", di o presidente santiagués.

Será un ano especial. A afección volve ao pavillón e ademais volve o derbi. O Breogán regresa á ACB e, como sinala Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro: "Para o baloncesto galego é fantástico que haxa dous equipos na Liga Endesa. Van ser dous partidos especiais e seguro que cando nos enfrontemos imos poder ter máis xente nos pavillóns e polo tanto van ser partidos quentes, intensos". 

O Breogán de Paco Olmos vai collendo forma. Derrotou con solvencia ao Oviedo no último amigable e promete ser un equipo duro e aguerrido, moi do gusto da afección luguesa, como apunta Tito Díaz, director xeral do Breogán: "Xa sabemos que o Pazo quere un equipo duro e agresivo e que deixe a alma en cada partido, e este equipo leva ese camiño".

O último en chegar é Jordan Sakho, ausente ata o de agora por estar xogando o Afrobasket coa selección do Congo. Tras o seu paso por Manresa xa sabe o que é xogar contra o Breogán, e gustoulle. "O Breogán é un gran club. Eu lembro cando xogaba en Manresa e xogabamos contra eles. Cando vés aquí dáche enerxía de xogar", salienta o novo pívot breoganista.

O Breogán e o Obradoiro volven coincidir esta fin de semana. Participan no Encestarrías xunto con Unicaja e Joventut. Quizais teñamos un novo derbi.

Noticias web

08/09/2021