CRTVG

Buscar

O Obra gaña nun final agónito e o Breo pon distancia co descenso

Publicado o 07/01/2019 16:13
O Obra gaña nun final agónito e o Breo pon distancia co descenso

O partido acabou en drama, despois de que o Obra tivera controlado o encontro con ata 17 puntos de vantaxe no terceiro cuarto. Os de Moncho Fernández fixeron unha moi boa defensa e non deixaron correr o Andorra. Mentres, apoiados pola forza ofensiva de Singler e do acerto na liña de tres, foron facendo oco.
E aí chegou o curtocircuíto dos de Santiago.

Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro: "Igual que nos ocorreu noutras ocasións, estas situacións en que eles se poñen por diante despois de ir cunha vantaxe enorme, eu creo que o equipo tivo calma para xestionalas".

A calma para non derrubarse cando o Andorra consegue poñerse un punto por enriba, pero non a suficiente como para evitar eses erros dos últimos segundos. Ao final vitoria que é o que conta.

O Breo xogaba o partido máis importante. Xa o advertira Lezkano, pero por iso das xeniais decisións da liga de poñer o partido na mañá de Reis, o pazo non tivo a entrada que se merecía un encontro así.

Os de Lugo volveron facer un xogo coral con moitos xogadores destacando, Brown, Vidal, Cvetkovic e Arco... Todos sumando para que o Breogán, cun xogo moi sólido, sumara a cuarta consecutiva e deixar o Guipúscoa, último e a tres vitorias.

 Natxo Lezkano, adestrador do Cafés Candelas Breogán: "Unha situación de dous equipos que necesitaban gañar e podía haber moitos nervios como de feito houbo ao longo do partido".

O partido en Lugo deixounos unha das xogadas da xornada, tripla imposible de Redivo ao que o tempo se lle botaba enriba.

Tamén entre as mellores a canastra no Sar do andorrano Colom desde media pista para acabar o primeiro cuarto. Na Penya Todorovic segue deixando mostras do xogador que quere ser. Aquí cano para dar unha asistencia e levantar o público de Badalona. O Barça consolida o liderado con Tomic MVP, e o Madrid caeu derrotado no derbi entre a éxtase dos estudantís que saen do descenso e suman a vitoria mil da súa historia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2019