CRTVG

Buscar

O protocolo da hostalaría permitirá a apertura das barras "con condicións"

Publicado o 01/09/2021 12:14

• Sanidade agarda poder pechar "os últimos flocos" o venres nunha nova xuntanza co sector e aprobar a norma a vindeira semana

 

EFE

O novo protocolo en que traballan a Xunta e o sector da hostalería para as medidas de seguridade nos locais permitirá utilizar as barras, que levan meses pechadas, aínda que con certas condicións que se están ultimando.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores de que o protocolo que estaba previsto aprobar esta semana non está aínda listo e van seguir "traballando" coa perspectiva de pechalo a próxima semana. En todo caso, avanzou que se permitirá abrir as barras "con certas condicións" porque ese aspecto "está avanzado" nas negociacións e aclarou que, aínda que a semana que vén se espera aprobar o protocolo, logo darase "un tempo para a incorporación das medidas" nos locais.

Así o manifestou na conferencia de prensa para explicar os acordos do comité clínico de onte, que deixou tres municipios en nivel máximo de restricións, e tras reunirse esta mesma mañá, xunto co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos representantes da hostalería. García Comesaña explicou que aínda que esta reunión foi "moi frutífera" hai que seguir avanzando "con prudencia" neste protocolo, que permitirá que a ocupación dos locais non dependa da situación epidemiolóxica dos municipios e para o que haberá un novo encontro este venres. 

Inspectores de Sanidade deseñarán plan de vixilancia

Inspectores de saúde pública deseñarán un plan para vixiar que os hostaleiros de Galicia cumpren co que asinarán na súa declaración responsable unha vez que se poña en marcha o novo modelo por niveis que a Xunta e o sector seguiron negociando este mércores, sen que de momento conseguisen pechar todos os flocos.

"Loxicamente e necesariamente, vai haber un sistema de inspección", dixo en Vigo o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda. Rueda explicou que a Xunta, "como promotora do sistema", é a primeira que ten que garantir o seu funcionamento e anticipou "consecuencias" para quen incumpra, "empezando porque non poderán estar a gozar de ocupacións e o sistema de funcionamento ao que che obriga ese nivel do que fixeches esa declaración responsable".

Para controlar o seu cumprimento Rueda adiantou que a Xunta pedirá a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado, tal e como fixo para tratar de controlar os botellóns, en cuxa notable diminución tiveron "moitísima" responsabilidade. Tamén se lles pedirá ás asociacións de hostalería que boten unha man en concienciación e vixilancia porque, segundo Rueda, será unha "tarefa de todos", a pesar de que esa tarefas de inspección sexan dirixidas desde o Goberno galego.

En todo caso, Rueda mostrou a súa confianza na colaboración do propio sector porque con este sistema, dixo, "o resultado que se consegue é que todo o mundo, con diferentes niveis de ocupación e intensidade, poida traballar e que ninguén máis teña que volver pechar, que é o que os hostaleiros piden en primeiro lugar".

En canto á posta en marcha deste novo sistema, Rueda dixo que quedan "flocos" por pechar, pero que en todo caso entrará en vigor este mesmo mes de setembro. "Estamos a acabar de perfilar ese novo modelo de funcionamento da hostalería, que queremos teña estabilidade unha vez termine o período máis intenso do verán e de aquí en diante con independencia da situación sanitaria", explicou o vicepresidente. 

A incidencia podería estar po debaixo de 100 nunha semana

A situación epidemiolóxica segue mellorando, e a mellor ritmo. "A curva está descendendo, e faino máis rápido que hai unha semana ou dez días" afirmou Carme Durán, directora xeral de Saúde Pública. "Se seguimos a este ritmo" di o conselleiro de Sanidade, "a próxima semana a incidencia a sete días podería estar por baixo de cen". 

Julio García Comesaña apela á vacinación para seguir mellorando. En Sanidade calculan que máis do 91 por cento da poboación diana está vacinada en Galicia, pero queren máis. "É un dato francamente bo" di o conselleiro, "pero aspiramos ao cen por cento". Calcula que quedan arredor de duascentas mil persoas por vacinar en Galicia, e afirma que van poñer todos os esforzos posibles para vacinalas.

Nesa liña, este venres ofrecen 30.000 doses a maiores de vinte anos, nun proceso de autocita. "Simplemente indo á páxina web ou á aplicación pode buscar un oco, e pedir cita" explica García Comesaña. De momento só están cubertas a metade das citas: "Aínda hai ocos para esa vacinación, así que animo a solicitar e acudir este venres poñer a vacina" insistiu o conselleiro. 

 

Noticias web

01/09/2021