CRTVG

Buscar

O novo ministro de Educación de Bolsonaro renuncia antes de xurar o cargo por falsear o seu currículo

Publicado o 30/06/2020 23:04
O novo ministro de Educación de Bolsonaro renuncia antes de xurar o cargo por falsear o seu currículo

O economista Carlos Alberto Decotelli, designado o pasado xoves novo ministro de Educación de Brasil, presentou este martes a súa renuncia tras un escándalo desatado por unha serie de informacións falsas que constaban no seu currículo. O propio Ministerio de Educación confirmou a renuncia de quen foi o terceiro titular dese despacho desde que, en xaneiro do ano pasado, asumiu o poder o ultradereitista Jair Bolsonaro, cuxo Goberno se propón impoñer nesa área unha axenda de "valores e costumes" conservadores.

Decotelli foi anunciado como novo ministro polo presidente Bolsonaro, quen destacou nas súas redes sociais que o economista tiña no seu currículo un mestrado na Fundación Getúlio Vargas (FGV), un doutoramento da Universidade de Rosario (Arxentina) e un posdoutoramento na universidade de Wuppertal (Alemaña).

Con todo, a universidade rosarina informou de que Decotelli cursou estudos de doutoramento nese centro pero que a súa tese final foi reprobada e por tanto non obtivo ningún título. A universidade alemá tamén explicou que Decotelli cursou unhas materias en Wuppertal, pero aclarou que non eran estudos de posgrao e que tampouco tiña título ningún desa institución. Para máis males, a Fundación Getúlio Vargas, recoñecido centro de estudos económicos e políticos do Brasil, informou de que abriu unha investigación sobre a tese de mestrado presentada por Decotelli, aprobada no seu momento, pero sobre a que xurdiron sospeitas de plaxio. Así mesmo, a fundación aclarou que Decotelli, a pesar de que así dicía o seu currículo, non foi profesor titular desa institución, na que só ocasionalmente ditou algúns cursos sobre asuntos específicos.

Fronte a esas denuncias, o Goberno decidiu chequear toda a información que aparece no currículo de Decotelli e suspendeu a cerimonia en que asumiría oficialmente o cargo, prevista precisamente para este mesmo martes e agora cancelada definitivamente tras a súa renuncia.

O primeiro ministro de Educación que tivo Bolsonaro durou pouco máis de tres meses e foi o filósofo colombiano naturalizado brasileiro Ricardo Vélez Rodríguez, quen renunciou tras implicarse en diferentes discordias con sectores do Goberno e o Parlamento. Foi sucedido por Weintraub, quen despois da súa renuncia segue acompañado pola polémica. Postulárao o Goberno para un cargo directivo no Banco Mundial e un día despois da súa dimisión viaxou cara aos Estados Unidos, sen que aínda estea claro se o fixo con pasaporte oficial, ao que xa non tería dereito. Co que moitos consideraron unha "fuga" cara aos Estados Unidos, o exministro deixou atrás numerosas polémicas e mesmo investigacións que cursan na Corte Suprema, a cuxos membros chegou a tachar de "vagabundos" e sobre quen dixo que deberían estar no "cárcere".

Tamén é investigado por supostos delitos de racismo, debido a unhas expresións despectivas sobre cidadáns chineses publicadas no seu perfil de Twitter, en que tamén insinuou que a pandemia de COVID-19 sería parte de presuntos plans da potencia asiática para "dominar o mundo".

Noticias web

30/06/2020