CRTVG

Buscar

O novo Goberno suma 28 secretarías de Estado, tres máis que o anterior

Publicado o 13/01/2020 11:26
O novo Goberno suma 28 secretarías de Estado, tres máis que o anterior

O novo Goberno de Pedro Sánchez contará con 22 ministerios, cinco máis que o anterior, e 28 secretarías de Estado, tres máis, segundo publica este luns o Boletín Oficial do Estado (BOE), que dá conta da reestruturación dos departamentos ministeriais.

Todos os ministerios dispoñerán de secretarías de Estado, excepto cinco: Agricultura, Pesca e Alimentación, Sanidade, Ciencia e Innovación, Consumo e Universidades.

O BOE publica tamén un real decreto polo que se crean catro vicepresidencias co obxectivo de "alcanzar a máxima eficacia na acción do Goberno", así como o reais decreto polos que se nomea a Carmen Calvo vicepresidenta primeira, Pablo Iglesias vicepresidente segundo, Nadia Calviño vicepresidenta terceira e Teresa Ribera vicepresidenta cuarta.

Ademais nun sexto real decreto disponse que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, asuma as funcións de portavoz do Goberno, e nun sétimo a designación do resto de titulares de carteiras ministeriais.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, que dirixirá Arancha González Laya, constará de catro secretarías de Estado: Asuntos Exteriores; Unión Europea; Cooperación Internacional e para Iberoamérica e o Caribe; e para a España Global.

Juan Carlos Campo estará á fronte do Ministerio de Xustiza, que contará cunha soa secretaría de Estado, a de Xustiza, igual que o de Defensa de Margarita Robles, que mantén a actual secretaría de Estado de Defensa e ao que continúa adscrito o Centro Nacional de Intelixencia (CNI).

Dúas secretarías de Estado, Facenda e Orzamentos e Gastos, compoñen a estrutura de Facenda, no que repite María Jesús Montero, de quen tamén dependerá funcionalmente a Secretaría de Estado de Comunicación, que organicamente corresponderá a Presidencia.

O Ministerio de Interior, no que tamén segue Fernando Grande-Marlaska, terá só a Secretaría de Estado de Seguridade. Tamén o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana -antigo Fomento-, dispoñerá dunha única secretaría denominada igual que o ministerio, á fronte do que continúa José Luis Ábalos.

Isabel Celaá, que continúa como ministra de Educación e Formación Profesional, contará coa Secretaría de Estado de Educación; e Yolanda Díaz, que se estrea á fronte de Traballo e Economía Social, coa de Emprego e Economía Social.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, no que repite Reyes Maroto, estrutúrase en dúas únicas secretarías: Comercio e Turismo.

Ademais da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, que dirixe Carmen Calvo, terá outra para a súa interlocución co Congreso e o Senado.

O Ministerio de Política Territorial e Función Pública, que asume por primeira vez Carolina Darias, perde unha e queda unicamente coa de Función Pública.

A vicepresidenta cuarta Teresa Ribera dirixirá o Ministerio de Transición Ecolóxica, que engade á súa nomenclatura o Reto Demográfico, e contará con dúas secretarías de Estado: Enerxía e Medio Ambiente.

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a cargo de Nadia Calviño, é o segundo con máis secretarías de Estado, despois de Exteriores: Economía e Apoio á Empresa, Dixitalización e Intelixencia Artificial e Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

O novo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que depende de Pablo Iglesias, contará con dúas: Dereitos Sociais e Axenda 2030, e o Ministerio de Igualdade, que lidera Irene Montero, terá unha: Igualdade e para a Violencia de Xénero.

José Luis Escrivá, á fronte do tamén novo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, dispoñerá dunha de Seguridade Social e Pensións e outra de Migracións.

O BOE tamén establece que o Consello Superior de Deportes continúa adscrito ao Ministerio de Cultura.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí