CRTVG

Buscar

O novo apagamento televisivo obriga a resintonizar canles

Publicado o 30/09/2020 14:18

A partir do 1 de outubro algunhas canles da televisión desaparecen da súa frecuencia habitual. O motivo, un novo apagamento da TDT.

Sara González, directora da Área de Soporte Tecnolóxico e Medios da CRTVG, di que "a razón é o proceso de liberación das frecuencias do segundo dividendo dixital que estivo a ter lugar nos últimos meses en toda España. As canles da TVG víronse tamén afectadas e de aí que muden a súa frecuencia".

Así, ningunha canle desaparece, simplemente se despraza de dial. Por iso, para non deixar de ver a programación televisiva, é necesaria unha actualización.

"Os cidadáns, para non deixar de ver as canles da TVG na TDT, deberán adaptar as antenas colectivas dos edificios e resintonizar a frecuencia, por suposto reordenar as canles tamén," explica Sara González.

En caso de necesitar cambiar a antena do edificio, existen axudas públicas postas en marcha polo Goberno para sufragar parte do gasto. O obxectivo deste proceso impulsado por Bruxelas e desenvolvido de forma progresiva en todo o país, é liberar unha banda de frecuencias clave para deixar espazo a tecnoloxías como o 5G. Unha tecnoloxía que permitirá conexións ultrarrápidas a Internet e ampliará, previsiblemente, a cobertura de banda ancha nas zonas rurais, entre outros avances.

Noticias web

30/09/2020