CRTVG

Buscar

O novo adestrador do Celta, Óscar García, xa está en Galicia

Publicado o 05/11/2019 11:21
O novo adestrador do Celta, Óscar García, xa está en Galicia

Óscar García chegou á Lavacolla contra as once da mañá. Esta tarde dirixirá o seu primeiro adestramento na Madroa. O Celta aínda non confirmou cando será a súa presentación oficial. 

Óscar García representa unha proposta ofensiva cunha experiencia limitada. Gañou dúas ligas e dúas copas en Austria, a liga de Israel e adestrou na segunda división inglesa clasificando o Brighton para o play-off de ascenso, que finalmente non logrou. Levou a ligas menores o fútbol que aprendeu no Barcelona: "Gústame o futbol de ataque".

Non é casualidade, Óscar García coincidiu no Barcelona con Guardiola, Abelardo e Luis Enrique. Xogou ás ordes de Cruyff e de Van Gaal. Tamén pasou polo Valencia e o Español. Retirouse en 2005 e orientouse ao fútbol de canteira: os xuvenís do Barcelona e a selección catalá sub-18.

En 2017 dirixiu o Saint Etienne francés e dimitiu co equipo na sexta praza. O Celta será o seu primeiro equipo profesional en España.

Óscar García: "Non me gusta poñer presión sobre os xogadores". Presión vai haber, co Celta en descenso. Pero de entrada terá o regalo de debutar no Camp Nou.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí