CRTVG

Buscar

O norte de Italia, escenario de graves enfrontamentos entre manifestantes e policía

Publicado o 27/10/2020 21:28

As novas restricións que entraron en vigor en Italia provocaron unha onda de disturbios por todo o país.

Os primeiros altercados producíronse días atrás en Nápoles e Roma, pero esta noite os disturbios estendéronse por todo o país.

O peor das refregas rexistrouse no norte, e cidades como Milán, Turín ou Trieste foron escenario de graves enfrontamentos entre manifestantes e policía.

Protestan polo endurecemento das medidas anticovid que, entre outras cousas, supoñen a clausura de establecementos de ocio e o peche obrigatorio da hostalería ás seis da tarde.

Isto prendeu unha mecha que se estendeu por todo o país. Milleiros de persoas saíron á rúa en Trieste, e noutras cidades do norte coma Milán ou Turín as protestas desembocaron en actos vandálicos e graves enfrontamentos entre os manifestantes e a policía, que usou gases lacrimóxenos para dispersalos

O Ministerio do Interior responsabilizou dos incidentes os provocadores de ultradereita e informou de dez arrestos

As restricións decretadas en Italia van estenderse polo menos catro semanas para tentar conter o rápido crecemento dos contaxios.

Foron case 22.000 nas últimas 24 horas, o maior incremento rexistrado no que vai de crise.

Preocupa especialmente a situación dos hospitais, con máis de 15.000 persoas ingresadas pola covid-19 e case 1.500 en coidados intensivos.

Colapso hospitalario en Francia, cunha media do 50% das camas ocupadas

Tamén temen polo colapso hospitalario en Francia. Se ben onte notificaban algo menos de 27.000 casos, diante dos 52.000 do domingo, os ingresos por covid están máis disparados que na primeira onda da pandemia.

Teñen unha media do 50% das camas ocupadas en todo o país, que ascende case ao 70% de ocupación na área de París

O ministro do Interior admitiu que se preparan para tomar "decisións difíciles" e o presidente convocou dúas reunións extraordinarias do Consello de Defensa, así que collen forza as especulacións sobre un novo confinamento nacional para conter a rápida propagación do virus en Francia.

Noticias web

27/10/2020