CRTVG

Buscar

A bolsa acusa a parada da actividade económica en España

Publicado o 30/03/2020 14:22
A bolsa acusa a parada da actividade económica en España

O nerviosismo domina de novo este inicio de semana na bolsa española, que acusa a parada da actividade económica e a deterioración das previsións para o futuro.

A sesión abríase con perdas superiores ao 2 por cento, e logo de moderarse esa caída ao mediodía a tendencia seguía a ser a baixa, cos valores bancarios entre os máis prexudicados. Pasadas as dúas da tarde, o IBEX 35, índice de referencia cos principais valores cotizados en España, perdía máis de 6.600 puntos e situábase no 2,5 por cento negativo.

Á espera de como rematen as dúas vindeiras xornadas, o mes de marzo finalizará cunha caída superior ao 23 %. Así mesmo, no que vai de ano o IBEX 35 perde máis do 40 %.

Ao longo da xornada verase como afectan as novas medidas aprobadas polo Goberno para suprimir por completo a actividade non esencial no país.

En Europa, co euro a 1,107 dólares, os principais mercados tamén arrincaron esta sesión con perdas. E iso, afectadas polos futuros sobre os índices estadounidenses -adoitan guiar a evolución dos mercados mundiais-, que adiantan leves perdas en Wall Street.