'O Náutico, o refuxio dos músicos', unha serie documental sobre os seus 25 anos de historia
Só 500 privilexiados puideron ver tocar este serán a Vestusta Morla nun concerto sorpresa no Náutico de San Vicente do Mar, un sitio emblemático onde se funden música e praia. Alí tamén, a medianoite, terá lugar a presentación oficial da serie documental O refuxio dos músicos, que afonda sobre os máis de 25 anos de vida dun local, que agocha unha chea de grandes historias.
Moito traballo e devoción. Iso é o que hai no corazón do Náutico de San Vicente, cos latexos do seu artífice Miguel de la Cierva. Un home vencellado a este espazo dende neno e que conseguiu co seu bo facer que este local fose un auténtico refuxio dos músicos, sobremaneira na época estival.
Unha serie documental percorrerá o máis de cuarto de século de historia co que conta este local, toda unha institución. Nel participan moitos músicos do panorama galego e nacional como Iván Ferreiro, Leiva, Xoel López ou Coque Malla.
Os habituais xa coñecen os concertos sorpresa. Desta volta toucoulle a quenda a Vetusta Morla, que no serán deste mércores actuou para uns 500 privilexiados. Unha banda de grandes recintos que non quixo perder esta cita íntima para formar parte da atmosfera deste marco incomparable no Grove.