CRTVG

Buscar

O narcosubmarino transportaba polo menos tres toneladas de cocaína

Publicado o 27/11/2019 09:25

• Os investigadores encontraron no interior do somerxible 152 fardos

• Prisión comunicada e sen fianza para os dous tripulantes detidos

O somerxible cargado de droga que os narcotraficantes afundiron fronte á costa de Cangas a pasada fin de semana puido ser reflotado, finalmente, de madrugada e está xa no peirao de Aldán, nun tráiler, listo para o seu traslado. Houbo que botar man de dous grandes guindastres para poder rematar uns traballos que comezaban o luns.  

Efectivos da Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira realizaron, na madrugada deste mércores, a descarga do narcosubmarino e que transportaba, segundo as primeiras estimacións, polo menos uns 3.000 quilos de cocaína no seu interior. En total localizáronse no seu interior 152 fardos, segundo os detalles que esta mañá deron as autoridades no propio porto de Aldán.


O baleirado do batiscafo realizouse despois de horas de manobras, con dous grandes guindastres, para facelo emerxer desde o mar no peirao de Aldán e, mediante a perforación de ocos e a utilización dunha bomba de achique, poder extraer a gran cantidade de auga que tiña dentro. 

Cando os operarios e axentes estiveron seguros de que non partiría en dous ao levantalo, os guindastres elevaron o batiscafo e depositárono no peirao. Unha vez en terra, efectivos de Protección Civil volveron usar as súas serras radiais para perforar novamente o casco da nave e permitir que se seguise despedazando.   

Tras esas operacións, os efectivos policiais iniciaron a descarga das decenas de fardos que transportaba no seu interior, e que xa foron trasladados á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Mentres, está previsto que, nas próximas horas, o submanrino sexa depositado na Escola Naval de Marín (Pontevedra).   

Investigación

As investigacións coemzaron cando o Centro de Análise e Operacións Marítimas en materia de Narcotráfico (MAOC) alertou ao Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO) sobre unha embarcación sospeitosa que se dirixía a España polo Atlántico cargada con cocaína. Nesta primeira fase, a colaboración cos corpos policiais do Reino Unido foi fundamental para a posterior intercepción do submarino. Na operación tamén participaron policías de Portugal, os Estados Unidos e o Brasil.

Desde ese momento despregouse un dispositivo de detección e localización con medios aeronavais da Coruña e Pontevedra, e reforzouse a presenza policial en toda a zona de costa.

A situación de temporal no mar non permitiu ao aparello entregar a droga e unha segunda embarcación e obrigou aos seus tripulantes a desplazalo cara á costa, onde os detidos provocaron o seu afundimento e o abandonaron. Esa manobra foi detectada por unha patrulla da Garda Civil con medios de visión nocturna, que localizou o lugar de chegada da nave e detectou a fuxida posterior dos seus tripulantes.

Nese momento detívose unha persoa que apareceu equipada cun traxe de neopreno e ás nove da mañá do domingo, conseguiuse deter un segundo narcotraficante. O terceiro tripulante fuxoiu e está actualmente en paradoiro descoñecido.

A investigación continúa aberta para poder determinar tanto a orixe da droga como a organización que a ía recibir en Galicia. Aínda que o uso dos submarinos é moi habitual en América, trátase da primeira vez que se detecta este sistema de transporte de droga en Europa. 

O artefacto mide algo máis de 20 metros de eslora e está fabricado en fibra de vidro, segundo explicaron fontes coñecedoras da investigación, que indicaron que levaba uns 20 días de travesía. A súa autonomía permitíalle transportar entre tres e cinco toneladas de cocaína.