CRTVG

Buscar

O narcosubmarino localizado no Morrazo xa está no porto de Aldán

Publicado o 26/11/2019 16:01

O narcosubmarino localizado a pasada fin de semana na zona de Punta Couso chegou a primeira hora da tarde deste martes ao porto de Aldán, en Cangas, arrastrado polo remolcador Insuíña Rande e con apoio de dous barcos pesqueiros da zona. Os labores para reflotar o somerxible iniciáronse o luns na zona en que foi afundido, en Punta Couso, á entrada da ría de Aldán.

Os mergulladores dos Grupos Especiais de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil lograron elevalo cuns globos e foi arrastrado ata o interior da baía a última hora da tarde. Con todo, debido a que quedou enganchado a unhas redes, e os globos perderon algo de aire, a operación de remolque tivo que ser suspendida, e o submarino volveu afundirse á entrada do porto de Aldán.

A media mañá deste martes retomáronse os traballos para reflotar a nave e finalmente conseguiuse arrastrala ata o peirao, con axuda de dous pesqueiros que achegaron potencia e estabilidade ao remolque. Unha vez en porto efectivos de Garda Civil, Vixilancia Aduaneira, e do propio remolcador traballan para achicar auga e facer emerxer completamente ao batiscafo antes de proceder á descarga da droga que se atope no seu interior.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí