CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

O 'Museo xente no Camiño' abre no Camiño Inglés para descubrir historia e arte da Galicia Medieval á actualidade

Publicado o 01/05/2015 20:50






Acaba de abrir o 'Museo da xente do Camiño', en Abegondo e ao paso do Camiño Inglés. Permitirá que os peregrinos, e todo o que se achegue a Presedo, coñeza a historia da Galicia Medieval e como as rutas xacobeas unen Europa. Obras de Alfredo Erias recrean a arte dos tempos de toda Galicia e parte de Portugal.


.
"O 'Mesón Museo Xente no Camiño' é un lugar no que se pretende dar alimento ao corpo dos peregrinos e de todo o mundo que se achegue. Pero tamén, queremos, dende o Camiño Inglés, alimentar os espíritos. Trátase de amosar, no contexto deste museo a imaxe dos galegos da Idade Media. Neste sentido, este centro é o único que existe en Galicia. Sobre todo poloa Camiño Inglés e o resto das rutas xacobeas creouse unha relación fundamental que convertiu a Galicia como foco europeizador. Sen o Camiño de Santiago, seguramente non existiría Europa", explica o artista e investigador galego Alfredo Erias, creador do Mesón Museo Xente no Camiño.

Froito de trinta anos investigación, o artista galego Alfredo Erias, fai un percorrido polas mellores e polas menos coñecidas obras de arte espalladas por toda Galicia. A partir de estudos, publicacións e traballos arqueolóxicos, reconvirte pezas medievais das catro provincias galegas e portuguesas en debuxos e pinturas.

En Presedo, Abendo, a pé do Camiño Inglés, sorprende este novo 'Museo Xente no Camiño'. É por iso que, en dúas hectáreas de terreo, nun futuro, pretende habilitar un espazo natural de dinamización educativa e cultural. Tamén, nunha carballeira, daránlle vida ao que chamarán 'O Bosque Sagrado'.

"Artellaráse, con esculturas e distintas pezas, on camiños e carreiros que nos permitirán seguir as constelacións. Deste xeito poderemos seguir o camiño das estrelas, que no fondo é o xerme do Camiño de Santiago", adianta o artista Alfredo Erias.

"O Camiño Inglés, nesta zona, amais, ten un atractivo engadido ao da propia ruta xacobea. Está no medio da Reserva da Biosfera das Mariñas coruñesas, de Betanzos e Terras do Mandeo. E tamén por isto, que conta co apoio do Grupo de desenvolmento rural e que este proxecto ten financiamento europeo, porque é un ben e unha riqueza para todos, por esa razón ", explica Xosé Sixto, voceiro da Mesa do Turismo desta Reserva da Biosfera e da asociación Refuxios do Río Mandeo, amais de hosteleiro da zona, da Casa de Sixto.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí