O Museo do Videoxogo de Galicia permite xogar coas primeiras consolas da historia
Os infinitos universos en que nos permiten entrar os videoxogos levan atrapando seguidores desde os anos 70. Naceu daquela a primeira consola, unha das pezas sagradas da colección que iniciaron dous irmáns de Cangas e que foron o xermolo do Museo do Videoxogo de Galicia, que se inaugurou en febreiro do ano pasado.
As catro empresas galegas máis fortes dedicadas a crear videoxogos venden en todo o mundo centos de miles de cada un dos seus títulos. Esta é unha industria que medra tan rápido como se moven os seus protagonistas na pantalla e no mundo xa factura máis que o cine e a música gravada xuntos.
Todas as máquinas e videoxogos que se poden atopar neste museo funcionan: oito xeracións de consolas e máis de 2.000 xogos. E o mellor de todo é que se poden probar.