CRTVG

Buscar

O museo ao aire libre de Carballo medra coa posta en marcha do Rexenera Fest

Publicado o 29/05/2019 16:54

Carballo é estes días un estudio de pintura ao aire libre con seis fachadas que son o soporte para figuras enormes. Esta, en que está a traballar o duo valenciano Pichiavo é a de maior extensión de todas.

Eles son dous artistas moi recoñecidos que crean unha obra individual da que non desvelan moito e que se amosan encantados cos grandes murais existentes aquí.

Avo, un dos integrantes de PichiAvo, di: "É unha iniciativa moi atrevida e moi interesante para os cidadáns e para os turistas que poidan vir e ver todas as propostas artísticas. Todas elas son diferentes, con diversos estilos e creo que no ámbito cultural é unha marabilla".

O seu compañeiro artístico, Pichi, adianta algo do gran mural: "Imos tratar de representar o noso propio estilo, que mestura cultura grecorromana e a cultura do graffiti. Así, pouco a pouco, iranse desvelando as capas ata que a xente poida ver algo máis que o principio que é unha composición de color e graffiti".

Nestoutra parede, na rúa de Poñente, o italiano Millo xa lle deu a súa base de branco e todo está listo para darlle forma e color. Moi preto, ten este mural dunha edición anterior. A organización do evento segue a traballar arreo tamén nas outras facetas do festival como a clase maxistral que vai impartir a asiática Satr.

Socram, de Mutante Creativo e membro da organización de Rexenera Fest di: "É unha artista chinesa que vai pintar o seu mural e tamén dar unha clase maxistral sobre a técnica do aerosol, co que ten un técnica superprecisa e depurada e que é moi interesante. Mañá remata o prazo de inscrición e aínda queda algunha praza, polo que quen estea interesado pode informarse na web do Rexenera Fest".

O Festival Internacional de Arte Pública é o centro da vida cultural en Carballo ata o próximo día nove.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/05/2019