O mundo superou os douscentos millóns de contaxios de covid
Publicado o 08/08/2021 18:59
O mundo superou esta fin de semana os douscentos millóns de casos de covid desde que comezou a pandemia. Segundo os datos da Organización Mundial da Saúde, deses douscentos millóns de persoas contaxiadas ata o momento, catro millóns duascentas mil morreron.
O dato optimista ven dado pola baixada da curva de incidencia en moitos países e polo ritmo de vacinación, xa que case un trinta por cento da poboación mundial recibiu polo menos unha dose, aínda que nos países pobres a porcentaxe so é do un por cento.
En total, foron administradas catro mil catrocentos millóns de doses, moi lonxe aínda dos dez mil millóns considerados necesarios para achegarse á inmunidade de grupo.